Feijóo aposta por seguir impulsando a innovación no tecido industrial que contribúe a que Galicia estea a pechar 2018 cun IPI e cunhas exportacións crecendo o dobre que no resto de España

2019-01-14
  • Avanza que nos vindeiros meses se convocará a terceira edición do programa Fábrica Intelixente, que forma parte dun completo paquete de axudas para promover a modernización tecnolóxica do tecido empresarial e que mobilizarán 70 millóns
  • Recorda que, desde o pasado venres, xa se pode solicitar tamén a liña específica que a través do Igape se acaba de convocar para impulsar a dixitalización, co fin de apoiar ata 500 empresas

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso de seguir impulsando a modernización e a innovación do tecido industrial galego que contribúe a que Galicia estea a pechar 2018 cun índice de produción industrial e cunhas exportacións crecendo o dobre que no resto de España.

Durante unha visita ás instalacións do Centro Tecnolóxico de Televés Corporación, Feijóo aseverou que o obxectivo é chegar a todas as pemes para que dispoñan do apoio preciso para dar o salto dixital, indispensable para toda empresa que non queira contar cunha data de caducidade no mercado. E, nesta liña, avanzou que nos vindeiros meses se convocará a terceira edición do programa Fábrica Intelixente, co obxectivo de mobilizar máis de 31 millóns e apoiar proxectos como os que están realizando, grazas ás edicións anteriores: PSA e Copo, en colaboración co CTAG; Televés Corporación; Finsa ou o Grupo Cupa, no sector da lousa.

Máis polo miúdo, precisou como novidade que o orzamento mínimo dos proxectos, que poden ser colectivos, se reducirá de 4 millóns a 2 millóns para que poidan participar máis pemes. Ademais de aumentar o prazo de execución de cada proxecto, que se estenderá ata o 2022, pasando de dous a tres anos.

Así mesmo, lembrou que este programa forma parte dun completo paquete de axudas para promover a modernización tecnolóxica do tecido empresarial e que van mobilizar 70 millóns. “É dicir, para que unhas 600 pemes galegas poidan incorporar as novas tecnoloxías na súa axenda de traballo”, incidiu, ao que recordou que, desde o pasado venres, xa se pode solicitar tamén a liña específica que, a través do Igape, se acaba de convocar para impulsar a dixitalización, dotada con 5 millóns de euros, e co fin de apoiar ata 500 empresas con axudas que cubrirán ata o 30% do investimento que fagan.

O presidente da Xunta afirmou ademais que neste mesmo mes se convocará outra liña de apoio para pemes, tamén no ámbito da dixitalización; unha iniciativa valorada en preto de 9 millóns de euros e que poderá chegar a cubrir ata o 40% do proxecto.

Ao longo da visita, Feijóo destacou a traxectoria de Televés Corporación, unha empresa que aproveitou a transición analóxica a dixital para consolidarse como empresa de referencia no sector; e que, actualmente dá emprego a máis de 700 persoas e conta con 11 filiais en países como Estados Unidos, China, Alemaña ou Emiratos Árabes. “Unha empresa cun marcado carácter innovador, onde máis do 80% dos seus produtos están desenvoltos con tecnoloxía propia e que conta con 75 patentes de invención rexistradas”, dixo, subliñando que está inmersa nun proceso de transformación estrutural para converter a súa infraestrutura na infraestrutura propia dunha fábrica intelixente, dunha fábrica 4.0.

Neste sentido, salientou que Televés Corporación lidera o proxecto gañador da primeira convocatoria do programa de axudas Fábrica Intelixente, no cal a empresa está a investir 23 millóns de euros e que conta cun apoio da Xunta de 5,8 millóns para desenvolver ata 2020, para acadar plantas máis automatizadas e con maior uso das TIC baseadas na Internet das Cousas (loT). E que lle permitirá dar un salto cualitativo nos seus plans de expansión e de diversificación, principalmente, se se ten en conta que xa está a orientar parte da súa liña de negocio cara ao chamado fogar dixital, onde as infraestruturas de telecomunicacións se poñen ao servizo do benestar social ou da eficiencia enerxética.