Un consorcio de empresas galegas desenvolve unha solución para levar as enerxías renovables a rexións remotas

2019-01-02
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou as instalacións da empresa Ártabro-Samdeu en Narón
  • O proxecto de I+D está apoiado polo programa Conecta Peme da Xunta e liderado polo grupo lucense Norvento, coa participación da enxeñería naronesa e a consultora de I+D TEMHA

Narón (A Coruña), 2 de xaneiro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou en Narón a enxeñería Ártabro-Samdeu, con experiencia nos sectores naval, medioambiental, enerxía e construción, co obxectivo de facer un seguimento do proxecto Modul, apoiado na última convocatoria do programa de axudas Conecta Peme da Xunta.

A iniciativa, dotada cun orzamento próximo aos 900.000 euros e apoiado cunha axuda do 54%, persegue desenvolver un sistema modular que permita o uso de enerxías limpas en rexións remotas, preparado para operar en climas extremos e que sexa simple en canto á súa instalación, despregue e traslado. O proxecto está liderado polo grupo lucense Norvento, coa participación da enxeñería naronesa e a consultora de I+D TEMHA.

Existen no mundo zonas afastadas onde as necesidades de enerxía eléctrica se abastecen con combustibles fósiles (zonas de Rusia, Escandinavia, o norte de América, o centro de África ou Latinoamérica). Esta solución tecnolóxica responde a unha necesidade identificada de mellora loxística na instalación de sistemas de enerxía renovable neste tipo de emprazamentos, abaratando custos.

Espérase que este sistema contribúa a situar Galicia nunha posición de liderado mundial en tecnoloxía para a electrificación renovable e remota. Ademais, este proxecto contribuirá a acadar os retos 1 e 2 da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, innovando en equipos e tecnoloxía, atopando vías máis eficientes para a loxística da distribución e aproveitando as sinerxías de coñecemento con outros sectores galegos como o naval, para a súa exportación a outros países, e diversificando os sectores industriais tradicionais para promover novos modelos de negocio.

Ártabro-Samdeu é unha empresa familiar con case tres décadas de historia que se dedica á enxeñería e está especializada en proxectos tecnolóxicos e de I+D de alto valor e singularidade. Entre os seus produtos e solucións inclúense estruturas metálicas para usos especiais e solucións loxísticas adaptadas a cada necesidade.

A iniciativa da compañía está apoiada polo programa Conecta Peme da Consellería de Economía, Emprego e Industria que, nesta edición, mobilizará máis de 47 millóns de euros en 54 proxectos de innovación empresarial que implican a 169 empresas –o 93% pemes–, e 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación xerando 72 empregos cualificados.

O obxectivo desta actuación é estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes. Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está mobilizando 150 millóns de euros en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar 433 empresas –o 95% pemes– e 81 centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos.