A Xunta destaca que a BFA se consolida como unha aceleradora de referencia ao sumar un novo recoñecemento no marco do VI Congreso Nacional de Clústers

2018-12-11
  • A Business Factory Auto, promovida por PSA, Ceaga, o Consorcio Zona Franca e a Xunta, vén de ser considerado o proxecto mellor difundido dentro dos Premios á colaboración empresarial
  • Este ano xa recibiu un galardón nacional á mellor práctica pola Asociación de Parques Tecnológicos y Empresariales de España e foi a primeira aceleradora europea de automoción en ser nomeada ‘regional partner’ nos premios Startup Europe Awards
  • A BFA, que forma parte da plataforma StartIn Galicia, celebra xa a súa terceira edición tras lograr nas dúas convocatorias anteriores a creación de 35 novas empresas que levan xerado 150 postos de traballo e que facturan máis de 10 millóns de euros

Santiago de Compostela, 11 de decembro 2018.- A Business Factory Auto (BFA) vén de sumar un novo recoñecemento á súa traxectoria. Nesta ocasión, a aceleradora foi galardoada nos Premios á colaboración empresarial entregados no marco do VI Congreso Nacional de Clusters na categoría de proxecto mellor difundido, recoñecendo deste xeito o plan de comunicación para a difusión desta incubadora galega especializada no sector da automoción e das iniciativas participantes.

O plan de comunicación da BFA, que impulsan PSA, Ceaga, o Consorcio Zona Franca e a Xunta, contribúe ao balance positivo da aceleradora, difundindo o seu coñecemento e impulsando a imaxe desta iniciativa que é clave para unha industria estratéxica para Galicia como é a da automoción. Deste xeito, este recoñecemento consolida á BFA como unha aceleradora de referencia.

Este premio súmase aos acadados este mesmo ano á mellor práctica pola Asociación de Parques Tecnológicos y Empresariales de España ou ao nomeamento como regional partner nos premios Startup Europe Awards, que converteron á BFA na primeira aceleradora de automoción de Europa en logralo.

A Business Factory Auto, que está a celebrar xa a súa terceira edición, acadou nas dúas convocatorias anteriores a creación de 35 novas empresas que levan xerado 150 postos de traballo e que facturan máis de 10 millóns de euros. Ademais, o 30% das empresas que participaron nas dúas primeiras edicións xa exportan a outros países. Esta terceira convocatoria, con 20 iniciativas, é a máis internacional, posto que participa un proxecto de Dubai e outro de Alemaña. A BFA forma parte da plataforma StartIn Galicia, a rede de aceleradoras galega coa que a Xunta busca impulsar o emprendemento e que ten permitido desenvolver preto de 900 proxectos.