A Xunta concede apoios por máis de 700.000 euros para atraer investigadores e profesionais de alta cualificación na primeira convocatoria do programa Talento Sénior

2018-11-29
  • As entidades beneficiarias contarán cun incentivo da Xunta de 64.000 euros por persoa contratada
  • O presidente da Xunta lembrou que o programa Talento Sénior está incluído no programa Talento 2021, impulsado pola Xunta, para reter e atraer 1.500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello apoios por máis de 700.000 euros para atraer a investigadores e profesionais de alta cualificación na primeira convocatoria do programa Talento Sénior. Unha iniciativa destinada a atraer investigadores doutores e profesionais de alta cualificación con traxectorias consolidadas para que desenvolvan proxectos de I+D+i en empresas, organismos de investigación non universitarios e centros de coñecemento.

Ademais destes apoios, dos que se benefician sete empresas, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Feijóo subliñou que os 11 especialistas contratados contan cunha media de 11 anos de experiencia en diferentes ámbitos da investigación e da innovación. E desenvolverán a súa actividade en sectores estratéxicos, como a automoción, a Industria 4.0, as TIC, o lácteo, a pesca ou os servizos de enxeñaría.

Logo de salientar que tres deles retornarán a Galicia, despois de traballar en Reino Unido, Francia e Madrid, o titular da Xunta explicou que todas as entidades beneficiarias contarán cun incentivo da Xunta de 64.000 euros por cada persoa contratada. Engadiu que estas entidades deberán retribuír ao profesional que se incorpore a través deste programa cun salario de, cando menos, 40.000 euros brutos por anualidade. Así mesmo, o persoal poderá estar contratado pola entidade beneficiaria desde o pasado 1 de xaneiro.

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que o programa Talento Sénior está incluído no programa Talento 2021, impulsado pola Xunta, para reter e atraer 1.500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i.

Por último, cómpre salientar que a través do programa Talento 2021, se prevé reforzar accións que xa están en marcha como: o programa Ignicia, pioneiro a nivel estatal, co que se está impulsando a transferencia de coñecemento e mediante o que se apoiaron 18 proxectos e 64 postos de traballo de alta cualificación; o programa Principia, que xa permitiu a 370 profesionais menores de 35 anos participar en labores de innovación; o programa Oportunius, centrado na atracción e retención de investigadores excelentes, que ten facilitado a formación a máis dun cento de investigadores; e as axudas aos investigadores, para desenvolver a súa carreira predoutoral e postdoutoral.