A Xunta avanza no polo aeroespacial de Galicia con proxectos nos que traballan 50 axentes e que xa están a mobilizar máis de 50M€

2018-11-26
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión coas empresas que están participando neste programa
  • Conde destaca que as iniciativas que se están a desenvolver e as que se poñerán proximamente en marcha mobilizarán 165M€ e crearán 400 postos de traballo
  • Asegura que o obxectivo é pasar dos proxectos de innovación ao desenvolvemento industrial e avanza os próximos proxectos que se van poñer en marcha como a construción do parque industrial e a aceleradora aeronáutica

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión coas empresas que están a colaborar no desenvolvemento do polo aeroespacial de Galicia para avaliar o avance deste proxecto no que se están a impulsar iniciativas que mobilizarán preto de 165 millóns de euros.

Tal e como explicou, o programa está no ecuador da súa execución coa participación de máis de 50 axentes entre administracións, socios tecnolóxicos e pemes que se foron incorporando neste tempo. Neste sentido, destacou que xunto co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), os socios tecnolóxicos —Indra e Babcock-, e as pemes e centros tecnolóxicos, o proxecto vén de sumar a participación de Boeing, “unha magnífica noticia para contar con empresas tractoras que permitan avanzar nos diferentes programas de innovación”, destacou e informou que o polo aeroespacial xa leva mobilizado máis de 50M€ e superará os 400 postos de traballo.

Conde asegurou que o obxectivo é seguir traballando para pasar dos proxectos de innovación ao desenvolvemento industrial deste sector. Así, avanzou os proxectos que se van poñer en marcha nos vindeiros meses, como o parque industrial que se vai construír nas instalacións de Rozas, cun investimento de 2,4M€ prevé, nunha primeira fase, desenvolver 30.000m2 cunha dispoñibilidade inicial para a implantación de sete naves. Tamén se referiu á aceleradora aeronáutica de Lugo que botará a andar nas próximas semanas coa convocatoria da primeira das súas tres edicións previstas e nas que se espera mobilizar un mínimo de 4,75M€ dando soporte a 19 empresas e a creación de 60 empregos directos.

En canto ao Programa de Solucións, lembrou que están adxudicados nove dos 10 contratos licitados. En concreto, tres centrados no desenvolvemento de solucións para a xestión do territorio, tres para a mellora da competitividade do sector agrícola, dous para a seguridade e actividade da frota pesqueira e control e calidade das augas e un, liderado por Boeing, para a xestión do tráfico aéreo e a convivencia entre aeronaves tripuladas e non tripuladas.

Conde finalizou destacando a complementariedade das iniciativas que se están a realizar en Rozas e así explicou que, mentres os socios tecnolóxicos Indra e Babcock están a desenvolver en colaboración con pemes e centros tecnolóxicos catro plataformas (entre avións non tripulados e un dron mariño) e as súas aplicacións, proxectos como o que realizará Boeing será fundamental para permitir a súa convivencia con avións tripulados e avanzar no eido da seguridade e o control aéreo.