Galicia pon en marcha unha nova aceleradora para potenciar a innovación e a internacionalización do sector da alimentación

2018-11-22
  • Feijóo subliña que se porá en marcha en xaneiro de 2019 e que contará con tres edicións, co obxectivo de mobilizar un total de arredor de 6 millóns de euros ata 2021
  • Explica que cada proxecto poderá recibir unha axuda de 25.000 euros e financiamento ata 50.000 euros a través de préstamos de XesGalicia, na primeira fase, e os préstamos poden chegar aos 250.000 euros na segunda fase
  • Incide en que calquera institución, empresa ou entidade vencellada ao sector pode sumarse a esta iniciativa, a través da firma correspondente do convenio de adhesión como colaborador

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha dunha nova Business Factory para acelerar e consolidar compañías innovadoras na cadea de valor do sector da alimentación, capaces de: captar, atraer e reter talento; contribuír a fortalecer o posicionamento dos produtos alimentarios galegos; e a incrementar a proxección internacional das pemes do sector.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que esta nova aceleradora, que se porá en marcha en xaneiro de 2019, contará con tres edicións, co obxectivo de mobilizar un total de arredor de 6 millóns de euros ata 2021, impulsar 26 iniciativas e xerar arredor de 60 empregos.

“E farémolo a través dun convenio de colaboración entre distintas entidades: o Igape, a Axencia Galega de Innovación, XesGalicia e a Asociación Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga)”, dixo, ao que engadiu que, unha vez seleccionados os proxectos, pasarán primeiro pola fase de capacitación de equipos e aceleración, que durará nove meses.

Sobre este punto, explicou que cada proxecto poderá recibir unha axuda de 25.000 euros a fondo perdido e poderá ter acceso a financiamento de ata 50.000 euros a través de préstamos de XesGalicia. E, na fase de consolidación, o financiamento mediante préstamos de XesGalicia poderá acadar os 250.000 euros.

Durante a rolda de prensa, o titular da Xunta incidiu en que calquera institución, empresa ou entidade vencellada ao sector pode sumarse a esta iniciativa, a través da firma correspondente do convenio de adhesión como colaborador. Así, a principal función das entidades colaboradoras será a formación e apoio dos proxectos a través do asesoramento e a definición de retos estratéxicos, actividades de difusión e internacionalización.

Así mesmo, avanzou que xa manifestaron o seu interese para participar na primeira edición empresas do sector como: Grupo Calvo, Bodegas Martín Códax, CLUN, Kiwi Atlántico, Clavo Food Factory ou Pescanova. Agrupacións empresariais como: Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados (Anfaco-Cecopesca); Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). E centros de investigación como: as universidades de Vigo e Santiago de Compostela ou o Instituto Tecnolóxico de Galicia.

“Queremos, polo tanto, que tamén no sector da alimentación se potencie o emprendemento innovador, como temos logrado noutros eidos como a automoción”, concluíu, incidindo en que calidade e innovación son sinónimos de futuro.