A Xunta difundirá en Ferrol as capacidades galegas en materiais innovadores ao servizo do deseño industrial

2018-11-18
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza un novo workshop do Programa de deseño para a innovación 2020 o 29 de novembro no CIS Galicia
  • Deseñadores, investigadores e tecnólogos, empresas e estudantes compartirán coñecemento sobre novos materiais con potencial para ser aplicados en múltiples sectores industriais

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria celebra o vindeiro xoves 29 de novembro no CIS Galicia (Ferrol) unha nova xornada de traballo no marco do Programa de deseño para a innovación 2020. O workshop Novos materiais para o deseño e a innovación ten por obxectivo difundir os novos materiais –en especial os creados en Galicia– como un foco de oportunidades de gran valor para o deseño aplicado á innovación empresarial.

A Axencia Galega de Innovación (Gain) continúa así o ciclo de encontros e workshops ao servizo dos actuais e futuros profesionais do deseño e das empresas para sistematizar a súa colaboración como motor de competitividade. Despois desta xornada de traballo sobre novos materiais, na primeira quincena de decembro terá lugar un encontro sobre boas prácticas públicas e empresariais no ámbito europeo.

O workshop do día 29 de novembro está aberto á libre inscrición para deseñadores/as de todos os ámbitos (especialmente do industrial), investigadores/as e tecnólogos/as do campo dos novos materiais, estudantes de deseño e representantes de empresas e outras entidades interesadas na implementación estratéxica do deseño.

Transferencia de coñecemento

O desenvolvemento de novos materiais está a abrir un enorme abano de oportunidades inéditas para o deseño aplicado á innovación empresarial. Este workshop busca facilitar a súa transferencia á industria a través do traballo dos profesionais do deseño, con dúas opcións de participación.

A primeira delas, de aforo limitado a 30 persoas, combina unha sesión de presentación e un taller práctico que se estenderá ata media tarde. A segunda, sen límite de participantes, permite asistir só á sesión de presentación durante a mañá.

Durante a primeira parte da xornada, varios representantes de centros tecnolóxicos e de investigación galegos exporán os retos que están a afrontar no campo dos novos materiais e os seus principais avances neste campo de coñecemento. Nela participarán como relatores representantes dos centros tecnolóxicos CTAG, Aimen e Cetim; do Instituto de Cerámica de Galicia; e da Universidade da Coruña.

O workshop completarase cun taller no que se usarán as técnicas do brainstorming e o pool de ideas, orientados a xerar oportunidades de innovación con base na habilidade dos deseñadores para aplicar novos materiais en sectores para os que inicialmente non foran concibidos. Será impartido por Material ConneXion Bilbao, o maior centro internacional especializado en materiais innovadores e procesos de transformación. Está especificamente dirixido a profesionais dos sectores do naval, automoción, aeronáutico; alimentario e conserveiro; da arquitectura e o interiorismo; e da fabricación de compoñentes e produtos do sector madeira e afíns.

Tanto este workshop coma os demais eventos previstos ata final de ano no marco do Programa de deseño para a innovación 2020 busca abrir canles de contacto produtivas entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, difundir casos de éxito e boas prácticas e ofrecer ferramentas prácticas de xestión dos elementos clave necesarios para que o deseño se converta nun factor de competitividade para o tecido industrial de Galicia.

Esta iniciativa está aliñada cos obxectivos dos dous proxectos europeos deste ámbito nos que participa Gain: o Design4Innovation e o User-Factor, iniciativas de Interreg Europe e Interreg Atlantic Area orientadas a crear estratexias rexionais de deseño e garantir a súa implantación nas pemes.

Programa e inscrición en
http://gain.xunta.gal/eventos/250/workshop+novos+materiais+deseno+innovacion.