Galicia acolle o I Foro Iberoamericano sobre Compra Pública de Innovación os próximos días 27 e 28 de novembro

2018-11-17
  • O evento, organizado pola Xunta en colaboración co Banco Interamericano de Desenvolvemento e coa Rede Interamericana de Compras Gobernamentais, reunirá en Santiago a todos os axentes implicados na Compra Pública de Innovación (CPI) a nivel internacional
  • Este foro enmárcase no programa Innpulsa CPI da Xunta que busca o desenvolvemento e a promoción da CPI na rexión galega co obxectivo de facilitar o cambio de cultura innovadora nas administracións
  • Galicia é pioneira en Compra Pública de Innovación (CPI) con proxectos que teñen recibido recoñecementos nacionais e internacionais e ten comprometidos 240 millóns de euros neste eido ata 2020

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2018.- Galicia acollerá os vindeiros 27 e 28 de novembro o I Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta, que reunirá a todos os axentes implicados na Compra Pública de Innovación (CPI) a nivel internacional, convertendo así á Comunidade galega no epicentro do intercambio de coñecemento entre España e América neste eido e posicionándoa como referente internacional na materia. Ademais, permitirá ás empresas innovadoras contar cunha nova fiestra de oportunidade para achegar a súa xestión en innovación a clientes públicos a nivel internacional. O evento terá lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e xa está dispoñible o programa completo e o formulario de rexistro neste enlace.

O foro —impulsado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) e a Rede Interamericana de Compras Gobernamentais (RICG)- reunirá a máis de 20 expertos de oito países que falarán e debaterán sobre experiencias en innovación aberta no ámbito público e o uso da CPI como ferramenta transformadora da política de innovación.

Destaca a participación de Philippe Le Quement, project officer da Dirección Xeral de Crecemento da Comisión Europea para falar sobre como incentivar a participación das pemes innovadoras na CPI; Teresa Riesgo, directora xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; Javier Dávila, líder da división de Compras Públicas do BID; Gustavo Crespi, líder da división de innovación do BID; Diego Pastorín e Juan David Duque, directores das Axencias de compras de Uruguay e Colombia respectivamente; e Elkin Echeverri, director de Prospectiva e Plan de CTI de Ruta N (Colombia); ademais de representantes de comunidades autónomas e concellos cunha importante traxectoria en CPI (Ayuntamiento de Madrid, Junta de Andalucía, Junta de Castilla y León, Generalitat de Catalunya, Gobierno de Aragón e Concello de Santiago de Compostela).

A organización deste foro vén refrendar o compromiso da nosa Comunidade co uso de novas ferramentas de política de innovación, como é a CPI, e enmárcase dentro do programa Innpulsa CPI Galicia da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que busca o desenvolvemento e a promoción da CPI na nosa rexión, co obxectivo de facilitar o cambio de cultura e promover a I+D+i. Este programa conta con tres prioridades: dar a coñecer a CPI entre o sector privado, especialmente nas pemes; prestar servizos públicos de maior calidade aos cidadáns; e formar o persoal das administracións nesta materia.

O enfoque do evento será totalmente disruptivo, deseñado de forma práctica para que interactúen os asistentes e centrado no desenvolvemento de habilidades para innovar. Tamén se porá a disposición das empresas e entidades interesadas un espazo no programa para que presenten as súas propostas de solucións innovadoras. Ademais, haberá talleres prácticos que permitirán adquirir capacidades para desenvolver iniciativas de innovación aberta e de CPI no futuro; espazos para interactuar durante estes dous días e unha experiencia gastronómica de fusión de culturas.

O público ao que vai dirixido son todos os axentes que participan nos procesos de innovación no sector público, entendendo este proceso como un exemplo de colaboración público-privada e de relación entre diferentes áreas do goberno: empregados públicos que traballan en áreas de adquisicións e compras da Administración; promotores de innovación que se encargan de deseñar e implementar accións que fomenten a I+D+I empresarial; o tecido empresarial centrado en produtos e servizos innovadores; asociacións e clústeres empresariais; e empresas tractoras que, polo seu tamaño e impacto no mercado, poden requirir solucións innovadoras e co-desenvolvelas co tecido empresarial innovador.

Galicia, referente en CPI

Galicia tivo un papel pioneiro no eido da Compra Pública Innovadora (CPI) a nivel estatal na implantación de todas as súas modalidades. Ademais, foi obxecto de recoñecemento a nivel estatal e internacional desde os inicios da súa traxectoria, xa que InnovaSaúde e Hospital 2050 recibiron tanto o Premio Nacional de Innovación en 2013 como o segundo premio Europeo de Compra Pública Innovadora (CPI) 2015 e foron destacados como casos de éxito no informe 2016 do Banco Interamericano de Desenvolvemento. Ademais, o Polo Tecnolóxico de Rozas recibiu o Premio Nacional de Innovación en 2016 e foi destacado como caso de éxito no Plan Estratéxico para o desenvolvemento do sector civil dos drons en España 2018-2021.

Ademais, no período 2007-2013 Galicia aglutinou o 40% do investimento total en proxectos de CPI en España con proxectos como Hospital2050 e InnovaSaúde; SmartCity no concello da Coruña; e tres proxectos universitarios, LáserPET e Innopharma, por parte da Universidade de Santiago de Compostela, e A-Tempo, da Universidade da Coruña; e para o período 2014-2020 ten comprometidos 240 millóns de euros en CPI.

Actualmente, a Xunta está desenvolvendo programas como o Código 100, o Polo Tecnolóxico e Industrial de Rozas, o desenvolvemento dun sistema antinéboa para a autovía A-8 ou o proxecto de cidade intelixente de Santiago de Compostela (Smartiago).