A Xunta traslada ás empresas de enxeñaría, consultaría e servizos tecnolóxicos o seu compromiso co impulso da industria 4.0 e destaca o seu papel decisivo na mellora da competitividade

2018-11-14
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo na Tribuna Ageinco 2018 xunto cunha ducia de empresas da Asociación para coñecer de primeira man as súas demandas e suxestións
  • Anuncia medidas para seguir facilitando investimentos no tecido industrial de Galicia como as Iniciativas Empresariais Prioritarias que permitirán reducir os tempos de tramitación á metade
  • Avoga pola colaboración público-privada como a fórmula para que Galicia mellore a súa competitividade

Vigo, 13 de novembro de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladou hoxe ás empresas de enxeñaría, consultoría e servizos tecnolóxicos o compromiso da Xunta co impulso da Industria 4.0 e destacou o papel decisivo destas compañías na mellora da competitividade galega. O conselleiro participou este mediodía na Tribuna Ageinco 2018 celebrada en Vigo á que asistiron unha ducia de empresas da Asociación.

No transcurso do acto, o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as demandas e suxestións da Asociación, así como trasladar aos asistentes o compromiso do Goberno autonómico co crecemento da industria galega a través da innovación e a tecnoloxía.

Neste sentido, Conde destacou que a transformación do tecido industrial é obrigado xa que existen estudos que aseguran que catro de cada 10 empresas españolas desaparecerán se non afrontan a súa dixitalización, a maioría delas pemes. Para evitalo, Galicia conta desde 2015 coa Axenda Industria 4.0 que xa contribuíu a que máis de 7000 empresas puidesen desenvolver proxectos neste eido.

Conde avanzou que os orzamentos de 2019 destinan 40M€ a proseguir coa dixitalización e a implantación da fábrica intelixente co obxectivo de que a Industria 4.0 chegue a todas e cada unha das empresas galegas. Neste sentido, o conselleiro asegurou que Ageinco pode ter un papel determinante axudando ás compañías a desenvolver os seus proxectos de innovación.

Conde tamén asegurou que a Xunta avanza no seu compromiso por outorgar maiores facilidades aos investimentos no tecido industrial e a simplificar os trámites, polo que se porán en marcha medidas como as Iniciativas Empresariais Prioritarias, ao abeiro da Lei de implantación empresarial, que permitirán reducir os trámites á metade. Anunciou tamén a suba de fondos ata os 50M€ para o financiamento empresarial.

O conselleiro tamén incidiu na importancia de mellorar a capacidade innovadora de Galicia e lembrou a próxima posta en marcha dos primeiros hubs de innovación dixital, ao tempo que fixo fincapé na necesidade de seguir abrindo novos mercados ás empresas galegas – que seguen no seu camiño da internacionalización batendo récords de exportacións – con novos programas como a contratación de xestores especializados ou apoios para a asistencia a feiras e misións para empresas non catalogadas como pemes que exerzan un efecto tractor.

Conde avogou, finalmente, pola colaboración público-privada como a fórmula para avanzar nestes obxectivos e conseguir unha Galicia máis competitiva. Neste sentido destacou e agradeceu a disposición de Ageinco a colaborar cos programas e medidas postos en marcha pola Xunta poñendo como exemplo a celebración do II Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais e Seguridade Industrial 4.0, celebrado o pasado mes de outubro.