A Xunta participa no proxecto europeo C-VoUCHER que distribuirá 4,2 M€ a pemes interesadas na economía circular

2018-10-27
  • É a primeira iniciativa europea que achegará ata 60.000 euros a pemes que incorporen modelos de negocio de economía circular para converter as cadeas de valor liñais en circulares
  • Durante un programa personalizado de nove meses, seis empresas traballarán con deseñadores e mentores de negocios para crear novas solucións circulares baseadas na metodoloxía “design thinking” e en tecnoloxías avanzadas
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través daAxencia Galega de Innovación (Gain), participa neste proxecto como socio, xunto a outras doce entidades de seis países europeos

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2018.- A Xunta participa en C-VoUCHER, unha iniciativa pioneira a nivel europeo en adoptar a economía circular para transformar cadeas de valor liñais en modelos circulares sostibles, con financiamento comunitario.
A economía circular trata de buscar solucións que permitan a redución ou reutilización de residuos resultantes do procesado, fabricación e/ou distribución de calquera tipo de produtos.

O proxecto, no que participa a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, como socia distribuirá 4,2 millóns de euros a pemes a través de catro convocatorias. A primeira está dirixida a empresas interesadas en participar nun programa circular (un programa de aceleración en economía circular) que ofrece ás pemes seleccionadas ata 60.000 euros para que creen e deseñen solucións (produtos ou servizos novos e circulares) empregando metodoloxías de design thinking e implementando novas tecnoloxías.

O proxecto continúa coa busca de máis pemes innovadoras para que participen en convocatorias posteriores como a de pemes adoptantes (Adopter SME), na que as seleccionadas obterán ata 15.000 euros para definir estratexias detalladas (plans de viabilidade). Estas estratexias permitiranlles implementar as solucións circulares desenvoltas durante o programa de aceleración nos seus procesos, e serán creadas con deseñadores asignados especificamente para cada proxecto durante tres meses.

En total, 66 pemes europeas se beneficiarán das convocatorias de C-VoUCHER (dúas convocatorias do programa circular e dúas de pemes adoptantes). Durante a primeira convocatoria do programa circular, seleccionaranse 12 pemes que serán convidadas a un evento, o Prototype-athon, que terá lugar en xaneiro de 2019. Tras o evento, as seis pemes que máis destaquen participarán no programa circular de nove meses.

Este programa ofrece varios servizos para os beneficiarios: deseñadores profesionais escollidos especialmente para cada proxecto, expertos mentores de negocios, financiamento para implementar novas tecnoloxías e futuras oportunidades de financiamento tanto público como privado.

Ademais, estimularase ás pemes a crear solucións circulares innovadoras mediante o emprego de tecnoloxías dixitais, híbridas e enxeñarías nas seguintes industrias: agroalimentaria, manufactureira, martítima, textil e sanitaria.

O proxecto tamén repartirá un total de 6M€ de financiamento complementario para as pemes seleccionadas proporcionado por investidores privados e públicos. Tamén se creará un Kit de deseño circular para rexións, co obxectivo de implementar a metodoloxía desenvolta noutras rexións da Unión Europea.

As pemes innovadoras interesadas en deseñar solucións circulares poden participar na convocatoria do Programa Circular de C-VoUCHER ata o 30 de novembro de 2018.

Socios de C-VoUCHER

O consorcio de C-VoUCHER está formado por 13 socios de seis países europeos (Polonia, Francia, España, Dinamarca, Rumanía e Suecia): FundingBox Accelerator, BLUMORPHO, NEUCA S.A., Foreningen MADE, Lifestyle and Design Cluster, Danmarks Tkniske Universitet, FundingBox Communities, Agencia Rozwoju Mazowsza Spolka Akcyjna, Agentia de Dezvoltare Regionala Nord-Vest, SYSTEM@TIC PARIS REGION, Tillväxtverket, Trekantomarådet Denmark e Axencia Galega de Innovación.

Gain participa nesta actividade no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), xa que contribúe a acadar unha das prioridades identificadas no ámbito da Estratexia como é potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos e a eco-innovación para a mellora da eficiencia e do comportamento medioambiental na industria.