A Xunta difunde as fórmulas de protección industrial e intelectual do deseño nunha xornada de traballo en Ferrol

2018-10-21
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza o primeiro workshop do Programa de Deseño para a Innovación 2020 que se celebrará o 25 de outubro no CIS Galicia
  • Neste último trimestre do ano realizaranse, tamén, outro workshop sobre novos materiais e dous grandes encontros sobre ecosistemas de deseño na península ibérica e boas prácticas públicas e empresariais no ámbito europeo

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria celebra o vindeiro xoves, 25 de outubro, no CIS Galicia (Ferrol) a primeira xornada de traballo do Programa de Deseño para a Innovación 2020. O workshop Estratexias para a protección do deseño centrarase en dotar de ferramentas aos profesionais do sector para protexer a propiedade industrial e intelectual das súas creacións.

Logo do éxito do I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial celebrado o pasado mes de xuño, a Axencia Galega de Innovación inicia un trimestre moi activo neste ámbito que comeza co workshop da próxima semana e continuará nos meses de novembro e decembro con outro workshop sobre novos materiais e dous grandes encontros sobre ecosistemas de deseño na península ibérica e boas prácticas públicas e empresariais no ámbito europeo.

O workshop do vindeiro xoves está aberto á libre inscrición para deseñadores/as de todos os ámbitos (industrial, gráfico, de produto, organizacional, dixital e multimedia), estudantes desta especialidade e representantes de empresas e outras entidades interesadas en coñecer as diferentes fórmulas de protección do valor dos intanxibles e dos procesos e as tecnoloxías asociadas a eles.

Enfoque práctico

A xornada de traballo incluirá a exposición dos principais aspectos legais sobre o tema e a súa aplicación a cargo do Servizo Galego de Propiedade Industrial, da Oficina Española de Patentes e Marcas e da Asociación Galega de Deseño, xunto con especialistas como o avogado José Nogueira e o deseñador experto en propiedade industrial Antonio Monturiol. Estas nocións actualizadas completaranse co relato de experiencias de primeira man por parte das empresas Sargadelos, Ardentia e SETGA, que explicarán o seu manexo destas cuestións nas industrias da cerámica, a artesanía e iluminación industrial.

A vertente máis práctica da protección dos deseños será abordada a través dun taller dirixido pola empresa especializada en propiedade industrial e intelectual Clarke, Modet & Co, que se centrará en recomendacións, consellos e análises de casos reais.

Este evento, organizado pola Axencia Galega de Innovación, nace coa vocación de consolidarse con carácter anual no marco da nova estratexia da Xunta para promover o deseño en todas as súas vertentes como motor de innovación e competitividade para as empresas galegas, con especial atención ás pemes.

Tanto este workshop coma os demais eventos previstos ata final de ano no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020 busca abrir canles de contacto produtivas entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, difundir casos de éxito e boas prácticas e ofrecer ferramentas prácticas de xestión dos elementos clave necesarios para que o deseño se converta nun factor de competitividade para o tecido industrial de Galicia.

Programa e inscrición en http://gain.xunta.gal/eventos/242/workshop+estratexias+proteccion+do+deseno.