Os hubs de innovación dixital da Xunta serán un instrumento estratéxico capaz de impulsar os principais sectores económicos de Galicia

2018-10-05
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou esta mañá en Santiago de Compostela unha xornada organizada pola Administración autonómica
  • O goberno galego recibiu oito manifestacións de interese e abrirá, nas próximas semanas, a convocatoria para desenvolver os primeiros hubs
  • Valorarase a súa contribución á Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS 3) e contarán cun recoñecemento da Administración que lles permitirá acceder tanto a apoios rexionais que se poñan en marcha como formación e acompañamento

Santiago de Compostela, 5 de outubro 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou esta mañá en Santiago de Compostela, durante a clausura dunha xornada sobre os hubs de innovación dixital organizadas pola Xunta, que serán un instrumento estratéxico capaz de impulsar os principais sectores económicos de Galicia.

O obxectivo da xornada era presentar o modelo de hubs que Galicia vai apoiar e dar a oportunidade de expoñer os seus proxectos a todos os axentes do sistema galego de innovación que presentaron as súas manifestacións de interese. Neste sentido, as oito propostas estaban enfocadas cara a Industria 4.0 e o sector bio, dous eidos nos que Galicia conta cun gran potencial e unha importante oportunidade para competir nos mercados globais.

Conde avanzou que nas próximas semanas se publicará a convocatoria para desenvolver os primeiros hubs co obxectivo de resolvela antes de que finalice o ano e explicou que se valorará especialmente a súa contribución ao avance da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS 3). Os proxectos seleccionados contarán cun recoñecemento da administración que lles permitirá acceder aos apoios rexionais que se poñan en marcha e a formación e acompañamento por unha consultora especializada.

O obxectivo deste novo instrumento é consolidar proxectos sostibles que sitúen Galicia no primeiro plano da innovación permitindo que as novas tecnoloxías innovadoras cheguen a todas as empresas e se sumen á 4ª revolución industrial. Neste sentido, incidiu en que en tan só dez anos, 3 de cada 5 pemes desaparecerán se non se incorporan ao proceso de dixitalización polo que é fundamental apostar pola innovación e a Fábrica Intelixente.

Así, lembrou a importancia de que Administración, coñecemento e industria traballen xuntos: “O hub será un instrumento clave para conseguir que o coñecemento dea resposta ás necesidades do tecido produtivo. Este marcará os retos e o sistema de innovación dará as respostas para incorporar as novas tecnoloxías nas estratexias das pemes”, afirmou.