A Xunta impulsa a primeira celeradora galega do sector aeronáutico coa que xa ten previsto mobilizar 4,75M€ ata 2021

2018-09-20
  • Porase en marcha este ano en Lugo e, a través de tres convocatorias, apoiará 19 iniciativas empresariais innovadoras no eido do sector aeronáutico galego e xerará 60 postos de traballo
  • O Goberno galego, a través de GAIN, Igape e XesGalicia, contará coa participación de diferentes axentes, empresas e centros de coñecemento que interveñen na cadea de valor deste sector
  • O obxectivo é crear e acelerar compañías innovadoras capaces de captar, atraer e reter talento
  • Esta nova iniciativa súmase a Rede galega de aceleradoras que, nos últimos cinco anos, apoiou preto de 900 proxectos na Comunidade

A Xunta autorizou esta mañá a firma do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Igape e XesGalicia coa Fundación CEL – Iniciativas por Lugo, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e as empresas Indra e Babcock para a posta en marcha dunha nova aceleradora galega centrada no sector aeronáutico na que xa está previsto mobilizar, como mínimo, 4,75 millóns de euros ata o 31 de decembro de 2021.

A iniciativa, que se desenvolverá en Lugo, enmárcase no polo tecnolóxico e industrial de Rozas, dentro dos compromisos adquiridos por Indra e Babcock para a realización de programas conxuntos de I+D co obxectivo de ampliar o impacto socieconómico das súas actuación en Galicia. Así, o obxectivo é crear e acelerar compañías innovadoras na cadea de valor do sector aeronáutico da Comunidade capaces de captar, atraer e reter talento, contribuíndo a fortalecer o posicionamento de Galicia e incrementando a súa proxección internacional neste eido.

A iniciativa, que se porá en marcha este mesmo ano coa convocatoria da primeira edición en novembro de 2018, prevé realizar un total de tres convocatorias a través das que se agarda impulsar 19 iniciativas empresarias que poderán xerar ao redor de 60 empregos. Cada unha das edicións constará de varias fases: a convocatoria, a selección de proxectos, o apoio ás empresas seleccionadas cunha fase de incubación e outra de aceleración e o fin do programa co seguimento dos investimentos.

Unha vez seleccionados os proxectos, pasarán pola fase de incubación se son empresas en fase temperá que se atopen entre o nacemento da idea e a validación do modelo de negocio. Cada proxecto recibirá unha axuda de ata 100.000 euros e poderán acceder a investimentos en capital por parte de Indra de entre 50.000 e 500.000 euros.

No caso das empresas que accedan á fase de aceleración, recibirán unha axuda de ata 50.000 euros e poderán ter acceso a financiamento a través de préstamos de XesGalicia de entre 50.000 e 250.000 euros e, por parte de Indra, poderán recibir investimentos en capital risco ou préstamos desde 50.000 euros por proxecto.

A aceleradora prestará aos proxectos participantes espazos de traballo e coworking, infraestruturas de proba, acceso ao aeródromo, medios TIC e plataformas de xestión, consultorías técnica e de negocio, apoios na procura e negociación de financiamento, acceso á bolsa de traballo da Civil UAVs Initiative e formación.

O Goberno galego destaca que esta nova iniciativa ten un carácter aberto polo que calquera institución, empresa ou entidade vencellada ao sector se pode sumar a ela a través da firma do correspondente modelo de adhesión como colaborador ou investidor. De feito, nesta primeira edición xa se conta con colaboradores como Delta Vigo, Centum, Sixtema, Fundación Kiom (Coremain, Sivsa, Syntelix, Scio, Omni, H24H, Senda e Insega), Instituto tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), Gradiant, ou o Consorcio Aeronautico Galego.

Esta aceleradora súmase, ademais, a Rede galega de aceleradoras que, nos últimos cinco apoiou preto de 900 proxectos de emprendemento, e permitirá o crecemento económico e social da Comunidade impulsando unha industria renovada, moderna, innovadora e competitiva coa implantación e desenvolvemento de novas empresas centradas no deseño e produción aeronáutica de UAVs e tecnoloxías vencelladas, o desenvolvemento de materiais e procesos industriais, na fabricación de estruturas e compoñentes asociados ou na captura, proceso e explotación de información a partir de sistemas remotamente tripulados.