A Xunta forma a persoal investigador de excelencia para concorrer ás axudas do programa European Research Council

2018-09-17
  • O taller, que se celebrou hoxe en Santiago de Compostela, forma parte do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación (Gain) que persegue a xeración, atracción e retención de talento investigador en Galicia
  • Desde 2014, 180 investigadores se formaron a través deste programa, 5 resultaron beneficiarios dunha axuda ERC e 13 foron finalistas
  • Ao programa Oportunius, súmanse outras iniciativas da Xunta para captar e reter talento na Comunidade galega como o programa Principia ou o Talento Sénior

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou esta mañá o nivel de excelencia dos investigadores galegos, no marco do acto de presentación da iniciativa Oportunius: Taller práctico de preparación de propostas ás bolsas do European Research Council (ERC). Na xornada participaron, ademais a responsable do Punto Nacional de Contacto para o ERC, Lucía del Río; unha representante da consultora Econet, con experiencia no asesoramento de candidaturas en programas europeos, Graciela Garrido; e o investigador Carlos Gómez, que participou en todos os estadios do programa Oportunius.

Argerey lembrou que desde 2014, data na que se puxo en marcha o Oportunius, 180 investigadores formáronse a través de xornadas deste tipo, dos que 5 obtiveron unha axuda deste organismo da Comisión Europea, encargado de apoiar a investigación de fronteira a través de financiamento competitivo en base á excelencia científica dos proxectos e á traxectoria académica dos investigadores, e 13 resultaron finalistas.

Estes datos son un bo indicador do nivel de excelencia do persoal investigador galego, porque estes finalistas superaron as primeiras fases de avaliación das convocatorias, sendo o nivel de esixencia do ERC moi elevado.

A directora de Gain informou aos asistentes das actuacións e obxectivos que persegue o programa Oportunius, que se resumen en tres principalmente: atraer a excelencia a través da captación, a retención ou retorno daqueles investigadores destacados que obtiveron unha axuda do ERC, ofrecéndolles un contrato Oportunius; apoiar a excelencia, impulsando o desenvolvemento daqueles investigadores cunha traxectoria consolidada, que superaran a primeira fase de avaliación ofrecéndolle apoio económico aos seus proxectos (50.000 euros por plan); e fomentar a excelencia favorecendo a participación nas convocatorias do ERC daqueles investigadores que demostren un alto potencial a través do asesoramento, formación, revisión do currículo e da idea de proxecto.

Este programa súmase a outras iniciativas da Xunta que perseguen atraer e reter talento en Galicia, como o programa Principia, que ten permitido a incorporación de 372 tecnólogos mozos para desenvolver tarefas de I+D+i tanto no sector público como privado, e o programa Talento Sénior, para impulsar a contratación de persoal de alta cualificación para desenvolver actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación públicos e privados non universitarios. A información sobre este novo programa xa está dispoñible na sección de axudas da web de Gain e proximamente será publicada no DOG.