A Xunta destaca en Vigo o gran potencial innovador do sector da biotecnoloxía en Galicia

2018-09-10

Vigo, 10 de setembro de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, subliñou hoxe en Vigo o importante potencial que presenta a biotecnoloxía na modernización de sectores tradicionais da economía galega como o alimentario e a pesca, na súa intervención na conferencia de clausura do IV Foro de Innovación e Tecnoloxía Innovación e Biotecnoloxía para un sector mariño e alimentario máis competitivo e sostible, organizado por Anfaco-Cecopesca, en colaboración coa Consellería do Mar.

Argerey destacou o gran potencial innovador do sector da biotecnoloxía en Galicia, que facturou 258 millóns de euros e empregaba a preto de 3000 traballadores en 2016, segundo o Informe do Sector Biotecnolóxico en Galicia 2016 do Clúster BIOGA.

Precisamente, polo seu carácter estratéxico na dinamización e modernización doutros sectores, a Xunta puxo en marcha en 2016 unha Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía en colaboración co resto de actores do sector. No ecuador de execución desta Estratexia, Argerey anotou que xa se levan apoiado 300 proxectos e executado o 54% do orzamento total previsto ata 2020, un total de 107 millóns de euros.

Ademais, anunciou a próxima convocatoria dunha orde de axudas para a apoiar a creación de Hubs de Innovación Dixital, un novo instrumento de colaboración público-privado aberto que, en palabras de Argerey, “persegue aumentar a competitividade das empresas galegas a través das tecnoloxías dixitais, e na que a biotecnoloxía está chamada a participar”.