A Xunta impulsa o crecemento da Peme coruñesa Orballo que se dedida á plantación de té ecolóxico

2018-09-04
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou esta mañá as plantacións da empresa en Donín (Paderne), no seo da Reserva Mundial da Biosfera “Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo”
  • A empresa naceu en 2012 co obxectivo de revalorizar o mundo rural a través da produción ecolóxica de especies como castiñeiros, nogueiras ou plantas aromáticas
  • Orballo é un dos dezaseis proxectos que participan actualmente na 5ª edición da aceleradora de innovación ViaGalicia

Paderne (A Coruña), 4 de setembro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá as plantacións que a empresa oleiresa Orballo ten no municipio de Paderne, en plena Reserva Mundial da Biosfera “Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo”. A peme galega, que leva máis de seis anos desenvolvendo produtos ecolóxicos de alta calidade como especias e aromáticas, ecoarroces ou infusións, aposta desde 2016 polo cultivo de té ecolóxico. Actualmente, participa na fase de aceleración do programa ViaGalicia, apoiado pola Xunta de Galicia e o Consorcio Zona Franca de Vigo, xunto a outros 15 proxectos de emprendemento innovador co obxectivo de potenciar o seu crecemento a través da apertura de novas canles de distribución, o lanzamento de novas liñas de produto e a ampliación da plantación.

A directora de Gain, Patricia Argerey, destacou Orballo como un exemplo de como se pode innovar e emprender con éxito dende o mundo rural, na liña dun dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que persegue a modernización dos sectores primarios galegos a través da busca de novos usos alternativos de alto valor engadido para a terra e da xeración de produtos innovadores, entre outros.

Argerey fixo fincapé na innovación do produto que comercializa Orballo, que ofrece un té ecolóxico certificado e producido en Galicia, aproveitando as boas condicións que reúne Galicia para o cultivo da planta da que se obtén o té (a Camelia Sinensis) e o crecemento na demanda de produtos ecolóxicos e no consumo de té en España e en Europa. Ademais, Orballo ofrece outro medio cento de referencias de especias e aromáticas, ecoarroces e infusións con garantía de calidade e produción ecolóxica.

Participación no programa ViaGalicia

A empresa está a participar actualmente na fase de aceleración da quinta edición de ViaGalicia, promovida pola Xunta de Galicia e o Consorcio Zona Franca de Vigo e considerada un referente a nivel estatal entre as aceleradoras de iniciativa pública. O obxectivo deste programa é apostar por proxectos innovadores e escalables, apoiándoos a través dun amplo programa de formación, mentoring, coworking e financiamento.

A aposta da Xunta de Galicia polo talento e o emprendemento innovador enmárcase na Rede Galega de Aceleradoras que permitiu apoiar máis de 700 proxectos nos últimos cinco anos a través de iniciativas como VíaGalicia, a Business Factory Auto ou Agrobiotech Innovación.

O paso de Orballo por ViaGalicia espérase que impulse o seu crecemento, a través da apertura de novas canles de distribución, o aumento dos recursos dedicados ao márketing, o lanzamento de novas liñas de produto e a ampliación da plantación, en liña cos seus principios e valores de desenvolvemento do mundo rural, calidade e respecto polo medio ambiente e as persoas. Actualmente Orballo conta con máis de 600 puntos de venda en México e España en grandes cadeas de supermercados e tendas gourmet, ecolóxicas e herboristerías. O obxectivo para 2020 é duplicar a superficie de cultivo —pasando das 20 hectáreas actuais a 40 en 2020- e multiplicar por 4 a súa facturación respecto a 2018.