A Xunta dá a coñecer os 25 proxectos seleccionados na primeira fase do programa Ignicia

2018-08-01
  • O obxectivo principal desta iniciativa é favorecer o acceso ao mercado de proxectos de investigadores, reforzando así a transferencia do coñecemento
  • Das 48 propostas presentadas seleccionáronse 25, tras unha primeira avaliación, das que sairán os plans definitivos que pasarán á fase de investimento
  • A primeira convocatoria desta actuación permitiu apoiar 9 proxectos cun investimento de 4 millóns de euros en sectores como as TIC, o aeronáutico e a biotecnoloxía

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2018.- A Xunta acaba de dar a coñecer os 25 proxectos seleccionados na primeira fase do programa Ignicia. Esta semana reuniuse na sede da Axencia Galega de Innovación (Gain) en Santiago de Compostela o comité avaliador da segunda edición deste plan, que ten por obxectivo apoiar o acceso ao mercado de proxectos de investigadores galegos con potencial para a súa comercialización.

Das 48 propostas presentadas seleccionáronse 25 procedentes de organismos públicos e privados de investigación de Galicia. En concreto, nove corresponden á Universidade de Santiago de Compostela; seis á Universidade de Vigo; catro á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela; tres ao Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións (Gradiant); dous á Universidade da Coruña; e un á Fundación Biomédica Galicia Sur.

Destas 25 propostas, preto do 50% (12 propostas) están aliñadas co reto 3 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), cuxo obxectivo é conseguir un novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo; mentres que un 44% (11 propostas) están vencelladas ao reto 2, que persegue un novo modelo industrial; e un 8% (2 propostas) están aliñadas co reto 1, que busca a modernización dos sectores primarios a través da innovación. En canto á súa distribución por sectores, o sector maioritario no que se centran os proxectos é o da biotecnoloxía, aplicada á saúde e á industria, e o TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación).

Para acometer esta primeira selección, realizáronse catro avaliacións individuais de cada proxecto, co apoio dun equipo formado por tres expertos de Oxentia (Oxford Univiersity Innovation) referente mundial no ámbito da transferencia de tecnoloxía.

Estas avaliacións foron postas en común na reunión de consenso celebrada esta semana na que se chegou a un acordo sobre as valoracións finais de cada proposta. As iniciativas seleccionadas serán sometidas en setembro a unha segunda avaliación, na que se elixirán as definitivas que pasarán á seguinte fase.

Os proxectos seleccionados recibirán durante un prazo estimado de dous meses asesoramento especializado para a elaboración e mellora dun plan de desenvolvemento e comercialización e realizarase un informe de auditoría legal de cada un deles, como paso previo necesario para formalizar o investimento, que se agarda realizar en decembro deste ano.

Precisamente, a semana pasada o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asinou un acordo co presidente da Fundación Barrié, José María Arias, para colaborar en accións de formación e de xestión do fondo de proba de concepto. Este acordo dá continuidade ao subscrito en 2016 para o desenvolvemento da primeira edición desta iniciativa, que permitiu apoiar un total de 9 proxectos cun investimento de 4 millóns de euros en sectores como as TIC, o aeronáutico e a biotecnoloxía; crear ou manter 61 postos de traballo de alta cualificación; e a posta en marcha de cinco empresas de base tecnolóxica para a comercialización dos seus resultados.

Nesta segunda edición do Ignicia, convocada no mes de abril, o Goberno galego investirá tres millóns de euros ata 2020 e, como novidade, implantarase unha metodoloxía de avaliación previa de proxectos e tecnoloxías transferibles ao mercado nos centros de coñecemento, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxectivo de dotar aos axentes de transferencia de coñecemento e tecnoloxía do sistema galego de I+D+i dunha metodoloxía homoxénea para a realización de avaliacións áxiles e efectivas das súas carteiras tecnolóxicas.