Feijóo erixe o programa Principia nunha ponte entre o académico e o empresarial que permite a investigadores e tecnólogos obter o seu primeiro contrato laboral

2018-07-20
  • Esta iniciativa permite ás empresas captar e reter talento, promovendo así o emprego cualificado entre os mozos e mozas e a Industria 4.0
  • As tres convocatorias deste programa mobilizan 11,7 millóns de euros
  • A través del, lévanse formalizado preto de 370 contratos —a metade indefinidos– para mozos e mozas menores de 35 anos
  • Sinala que o talento e a competitividade conduciron a Galicia a bater a súa marca de exportacións, que creceron de xaneiro a maio, un 9,2% fronte ao 2,8% da media estatal, e a colocarse como a terceira comunidade na que máis medraron

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou o programa Principia como unha ponte entre os ámbitos académico e empresarial que posibilita que moitos investigadores e tecnólogos galegos obteñan o seu primeiro contrato laboral.

Ademais, esta iniciativa destinada aos menores de 35 anos con titulación universitaria ou FP superior —que non estivesen contratados nos seis meses anteriores pola entidade solicitante e cunha experiencia laboral que non supere os 36 meses– permite ás empresas captar e reter talento. Pero ademais, aposta por que sexan estas últimas as encargadas de formar os mozos e mozas, promovendo o emprego cualificado e a Industria 4.0.

As axudas a empresas e organismos de investigación que concede a Xunta son por importe de 10.000 euros por contrato por un período mínimo dun ano. Para obtelas, prímase que os contratos sexan indefinidos, o salario a percibir polas persoas contratadas (de 22.000 euros ao ano de media), ou a existencia de plans de formación dentro da propia empresa.

En total, as tres convocatorias do programa Principia mobilizan 11,7 millóns de euros e levan formalizado preto de 370 contratos —a metade indefinidos– para mozos e mozas menores de 35 anos.

Así mesmo, o titular do Goberno galego salientou tanto a paridade rexistrada nos contratos –o 46% dos contratados son mulleres– como o importante peso das empresas —9 de cada 10 participantes son empresas–. “Todos saen gañando. Os primeiros en autoconfianza, formación e currículo. Os segundos, en competitividade”, aseverou en alusión aos mozos e mozas e ás empresas.

Durante o transcurso do acto, dúas das entidades participantes no programa Principia, AMSlab e Gabadi, comunicaron a dous investigadores que lles van facer un contrato indefinido nas empresas onde xa están traballando ao abeiro do programa Principia. “O talento hai que cultivalo, e hai que cultivalo desde moitos ámbitos. Un deles, o das empresas”, destacou Feijóo.

Este mesmo talento e competitividade, sinalou o presidente, está a propiciar que a economía galega siga marcando cifras récord en exportacións, como a que hoxe mesmo acabamos de coñecer. As exportacións creceron, de xaneiro a maio, un 9,2% fronte ao 2,8% da media estatal, polo que Galicia se sitúa como a terceira comunidade na que máis medraron no que vai de ano.