Feijóo avanza a posta en marcha dunha iniciativa pioneira para impulsar a través do deseño a innovación e a competitividade do tecido empresarial

2018-06-21
  • “Estamos a falar do deseño como un factor clave para impulsar a facturación, acceder a novos mercados e impulsar a produtividade”, di
  • Precisa que este novo programa estruturarase en torno a tres eixos: concienciar sobre o deseño como factor estratéxico; formar a empresas e emprendedores para que invistan en deseño; e posta en valor da figura do deseñador industrial
  • Anuncia que a primeira actividade desta estratexia será o I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, que se celebrará no CIS Galicia de Ferrol o 28 de xuño
  • Subliña que ademais da elaboración dunha campaña que impulse a cultura do deseño na sociedade galega, crearase o Premio galego de deseño para a innovación

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha do novo programa Deseño para a innovación 2020, unha iniciativa pioneira que, baixo o informe europeo Implantando un plan de acción para unha innovación baseada no deseño, ten como obxectivo impulsar a innovación e a competitividade empresarial a través do deseño. “Estamos a falar do deseño como un factor clave para impulsar a facturación, acceder a novos mercados e impulsar a produtividade”, abundou.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo aseverou que baixo esta filosofía a nova estratexia estruturarase en torno a tres grandes eixos: concienciar sobre o deseño como factor estratéxico relevante; formar a empresas e emprendedores para que invistan en deseño e promovan a innovación; e posta en valor da figura do deseñador industrial como elemento clave de competitividade.

O responsable do Goberno galego aseverou tamén que a partir destes tres eixos, estableceranse 11 áreas de acción con medidas concretas. A primeira delas será a área de análise do deseño en Galicia, na que se elaborará un mapa de axentes do deseño empresarial, identificándose os casos de éxito empresarial galegos en materia de deseño e emprendemento e impulsando a adopción de boas prácticas nacionais e internacionais.

Ademais da creación e dinamización de rede de axentes de deseño, no eido da difusión e divulgación desenvolveranse campañas de sensibilización para empresas sobre o valor do deseño, así como foros para o sector.

Así mesmo, promoverase a formación en deseño para empresas e a súa implantación, poranse en marcha numerosas axudas e fomentarase o talento e o emprego neste eido. Ademais da elaboración dunha campaña que impulse a cultura do deseño na sociedade galega e a creación do Premio galego de deseño para a innovación.

Feijóo concluíu subliñando que a primeira actividade desta estratexia será o I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, que se celebrará no CIS Galicia de Ferrol o próximo 28 de xuño.

Cómpre destacar que o programa Deseño para a innovación 2020 desenvolverase de xeito paralelo a dous proxectos europeos con obxectivos moi similares: Design 4 innovation, que busca impulsar un uso estratéxico do deseño en 1.600 pemes de sete países; e User factor, destinado a transferir ás pemes oito modelos de programas de apoio ao deseño.