A Xunta destaca que o programa Fábrica Intelixente contribúe á mellora da competitividade empresarial ao impulsar proxectos de I+D+i

2018-06-21
  • A Axencia Galega de Innovación (GAIN) celebrou esta mañá un taller técnico de presentación da segunda edición da convocatoria desta iniciativa
  • O obxectivo desta liña de axudas é atraer proxectos cara Galicia, impulsar a dixitalización e crear emprego de calidade, no marco da Axenda Industria 4.0 e da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3)
  • A directora de GAIN, Patricia Argerey, explicou aos asistentes as vantaxes da modernización da industria galega para aumentar a súa produtividade e competitividade e, en definitiva, favorecer o crecemento económico de Galicia

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación, (GAIN), Patricia Argerey, clausurou a xornada de presentación da segunda edición do programa Fábrica Intelixente. Durante a súa intervención, explicou as novidades desta convocatoria, deseñadas para adaptarse mellor ás necesidades expresadas polo tecido industrial galego, a través das manifestacións de interese recollidas, e que agarda que incrementen o efecto tractor do investimento público sobre a mobilización de capital privado.

Así, o programa contribúe a mellorar a competitividade empresarial ao permitir que se impulsen proxectos de I+D+i. Entre as principais novidades destacan que poderán participar as pequenas empresas, que se inclúe a innovación en materia de procesos e de organización como actividade financiable, o orzamento dos proxectos —que serán de entre catro e 10 millóns de euros-, e que se abren dous prazos de solicitude ao longo do ano para adaptarse mellor aos tempos das empresas.

A directora de GAIN subliñou as vantaxes da dixitalización do tecido industrial galego como a redución dos custos de fabricación, a personalización dos produtos, a apertura de novas oportunidades de negocio e unha maior produtividade e competitividade, que se traduce en crecemento económico para Galicia.

Argerey inscribiu esta nova aposta pola I+D+i do Goberno galego na Axenda Industria 4.0, que ten como obxectivo aumentar a competitividade e fixar tecido industrial en Galicia xerando postos de traballo cualificados e que, durante os dous primeiros anos (2015-2016), mobilizou actuacións por importe de 345 millóns de euros das que se beneficiaron 4200 empresas. Este programa tamén se enmarca na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que no seu reto 2 aspira a acadar un novo modelo industrial para Galicia baseado na innovación. O reto 2 mobilizou 632,5 millóns de euros desde a súa aprobación.

Por último, a directora de GAIN avanzou un novo instrumento que se porá en marcha no marco do novo Plan Galicia Innova 2020, os Hubs de Innovación Dixital, un novo marco de colaboración público-privado que permitirá avanzar na especialización nos sectores estratéxicos para Galicia, potenciar a incorporación das tecnoloxías facilitadoras e impulsar o potencial innovador das pemes.

Pecha o primeiro prazo o 4 de xullo

O primeiro prazo para presentar solicitudes a esta convocatoria de Fábrica Iintelixente pechará o vindeiro 4 de xullo. Esta liña de axudas, dotada con 18,2 millóns de euros, apoiará proxectos de I+D+i de empresas e agrupacións de empresas e organismos de investigación con orzamentos comprendidos entre os 4 e os 10 millóns de euros. A intensidade das axudas abrangue desde o 15 ata o 80% en función do tipo de proxecto e de empresa. Búscanse proxectos con efecto de arrastre, que axuden a fixar tecido industrial en Galicia e que fagan un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras.