Conde sinala o alto potencial da biotecnoloxía en Galicia, un sector no que a Xunta apoiou 300 proxectos desde 2016

2018-06-19
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Santiago de Compostela á presentación do balance da Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía
  • Destaca que xa se executou o 54% do orzamento previsto e que se crearon máis dunha decena de novas empresas bio, rexistrouse un crecemento do 10% da facturación anual, un incremento de postos de traballo do 9,5% e conseguiuse un panorama máis internacional
  • Incide na necesidade de seguir impulsando este sector aproveitando sinerxías e avanza o obxectivo de cohesionar todo o ecosistema biotecnolóxico a través dos HUB de innovación dixital

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou esta mañá en Santiago de Compostela, na presentación do balance da Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía, o alto potencial bio de Galicia, un sector no que a Xunta leva apoiado 300 proxectos desde 2016.

O conselleiro explicou que desde a súa posta en marcha, ademais, xa se executou o 54% do orzamento, un total de 107 millóns de euros, nos que tiveron un importante peso os programas para a consolidación empresarial. Segundo o balance, tamén se crearon máis dunha decena de novas empresas bio, incrementouse a facturación anual un 10% e incrementouse nun 9,5% o número de postos de traballo xerados. Ademais, a Estratexia favoreceu un panorama máis internacional, xa que unha de cada catro empresas iniciaron a súa internacionalización neste período.

Así, Conde repasou algúns dos proxectos máis relevantes como que Galicia é a sede da primeira incubadora de fármacos en España da man da Fundación Kaertor Jannsen e lembrou que a Comunidade contará cunha nova aceleradora especializada no sector biotecnolóxico, BioIncubatech, co apoio da Fundación Incyde; ou as cinco Unidades Mixtas que están a explorar novos proxectos de I+D+i neste eido.

Segundo o conselleiro, a Estratrexia está a permitir o descubrimento de novos fármacos —como un contra o cancro de colon da plataforma Neogalfarm que se comezará ensaiar, proximamente-, desenvolver novas tecnoloxías que fagan posible a medicina personalizada, potenciar a innovación na industria da alimentación e conseguir, en definitiva, empresas máis competitivas, produtos acordes ás demandas dos novos consumidores e dar resposta aos retos do envellecemento activo. “Estase a poñer a investigación científico tecnolóxica ao servizo das persoas e da súa saúde, así como das empresas e da súa competitividade”, asegurou Conde.

O conselleiro destacou que a posta en marcha da Estratexia contou coa participación e colaboración de 66 axentes do sector entre empresas, universidade, fundacións, sistema hospitalario, centros tecnolóxicos e de investigación, clústers e asociacións e a propia Xunta e avogou por seguir nesta senda da colaboración e do traballo conxunto para dar o impulso definitivo a un sector no que Galicia pode ser referente. Neste sentido, avanzou que a Estratexia afronta o seu segundo bienio co obxectivo de incidir nesa cohesión do ecosistema biotecnolóxico a través dos futuros HUBs de innovación dixital.