Empresas do sector da comunicación gráfica coñecen as aplicacións da realidade virtual e aumentada da man da Xunta

2018-06-07
  • O CIS Galicia acolleu hoxe un almorzo tecnolóxico do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia para amosar os servizos que ofrece neste ámbito

Ferrol, 7 de xuño de 2018.- O Centro de Innovación e Servizos de Galicia (CIS Galicia), dependente da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, colaborou no Almorzo Tecnolóxico: aplicacións da Realidade Virtual e a Realidade Aumentada na empresa, organizado polo Clúster de Comunicación Gráfica de Galicia.

Esta visita está encadrada nas actividades de innovación que o Clúster vén desenvolvendo e consistiu nun percorrido explicativo polas instalacións tecnolóxicas do CIS Galicia. Arredor de 15 empresarios asociados ao Clúster coñeceron directamente os servizos de innovación que ofrece o centro, en concreto no ámbito da realidade virtual e aumentada.

Os asistentes presenciaron unha demostración práctica de diferentes aplicacións destas tecnoloxías e a súa visualización en distintos dispositivos. Ademais, a visita permitiu que os asistentes se organizasen en grupos para experimentar cos distintos dispositivos: uso da realidade aumentada para mantemento de equipos industriais; exemplo de realidade aumentada para probar complementos (bolsas de pádel); ou gozar do Botafumeiro Virtual cos cascos de realidade aumentada.

Ademais, visitaron a CAVE (Cova de Entorno Virtual Automático) inmersiva de realidade virtual do CIS Galicia, na que puideron observar, por exemplo, as simulacións de shipbuilding como as diferentes simulacións virtuais de barcos de estaleiros galegos.