A Xunta presenta a súa iniciativa para a xestión e o control do tráfico aéreo compartido ante os principais expertos do mundo nesta materia

2018-06-06
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá en Madrid nun panel de expertos no marco da II Conferencia da Global UTM Association (GUTMA)
  • Argerey explicou os proxectos cos que Galicia busca dar resposta ao reto da navegación compartida de drons e aeronaves tripuladas, no marco do polo tecnolóxico e industrial que está a impulsar a Xunta
  • A GUTMA é un consorcio internacional que reúne aos principais expertos do mundo en control de tráfico aéreo de sistemas non tripulados

Madrid, 6 de xuño de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, participou esta mañá en Madrid nun panel de expertos sobre xestión do tráfico aéreo de drons. Este panel inscríbese no programa da II Conferencia da Global UTM Association (GUTMA), organizada polas empresas ENAIRE e Everis Aeroespacial, Defensa y Seguridad, á que asisten os principais expertos a nivel internacional en control de tráfico aéreo de sistemas non tripulados.

Na súa intervención, Argerey explicou os proxectos que ten en marcha a Xunta para a xestión e control da seguridade aérea no marco do Polo tecnolóxico e industrial arredor dos UAVs para uso civil en Galicia. En concreto, a directora de Gain avanzou un dos proxectos que está a desenvolver o seu socio tecnolóxico Babcock, dentro do Programa de I+D da iniciativa, para xestionar corredores aéreos de baixa cota para controlar e regular o tráfico aéreo de UAVs, orientados cara misións de emerxencia no ámbito dos servizos civís e, moi especialmente, á extinción de incendios.

Por outro lado, no marco do Programa de Solucións da iniciativa, está resolvéndose unha licitación en materia de xestión e seguridade de tráfico para espazos aéreos compartidos. Esta licitación, por importe de 6 millóns de euros a executar en dous anos desde a adxudicación, ten como finalidade avanzar na investigación e o desenvolvemento de tecnoloxías para responder aos factores de risco máis comúns que se identificaron na operación de aeronaves non tripuladas como son: a perda de comunicación coa estación base, a incapacidade para detectar e evitar colisións, a perda de sinal GPS, a perda do impulso do motor, a perda de enerxía ou a perda de control sobre o UAV por actos de interferencias deliberados.

Segundo Patricia Argerey “garantir a operación segura dun só UAV baixo calquera circunstancia operativa é o gran reto para a inserción destes no espazo aéreo. Se logramos resolvelo, e vai acompañado dun novo impulso no ámbito regulatorio, poderemos a medio prazo sacar o máximo proveito a esta industria”.

Polo tecnolóxico e industrial de Rozas

Ambos proxectos inscríbense na iniciativa estratéxica, liderada pola Xunta de Galicia, para desenvolver o sector aeronáutico en Galicia focalizándose nos avións non tripulados. Esta iniciativa está mobilizando máis de 150 millóns de euros de capital público-privado e a día de hoxe ten xa 200 empregos vencellados co obxectivo de situar a Galicia no mapa global da industria dos UAVs e que esta industria de alta tecnoloxía funcione como tractora para fomentar a innovación entre as empresas galegas.