Conde destaca o talento e a creatividade da nova xeración de empresas da automoción impulsadas na Business Factory Auto

2018-06-04
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliña que estas compañías van ser as artífices da transformación dixital que supón a Industria 4.0
  • Sinala que desde mañá e ata o 22 de agosto se abre o prazo para a presentación de candidaturas para a terceira convocatoria
  • Lembra que hoxe mesmo saen publicadas no DOG as axudas do programa Fábrica Intelixente, cun investimento total de 70 millóns de euros nesta segunda convocatoria

Vigo, 4 de xuño de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no lanzamento da terceira edición da Business Factory Auto (BFA), que os proxectos que se están a desenvolver na segunda edición desta iniciativa permiten constatar o nivel de talento e creatividade que hai detrás da que xa é a nova xeración de empresas do sector da automoción.

O conselleiro, que apuntou que a resposta aos retos desta industria está na innovación e no inconformismo para seguir mellorando, destacou que as empresas participantes nesta aceleradora que promoven os principais axentes do sector van ser as artífices da transformación dixital que supón a Industria 4.0, sinalando que moitas delas patentarán os últimos avances tecnolóxicos que se van incorporar á industria do automóbil.

Precisamente para seguir avanzando no ámbito da Industria 4.0, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou que hoxe mesmo saen publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas do programa Fábrica Intelixente, co que se mobilizarán 70 millóns de euros para afrontar os retos da dixitalización e facer da innovación a base do novo modelo industrial de Galicia.

Conde referiuse ao Consorcio Zona Franca de Vigo, CEAGA, CTAG e PSA, que fan posible a Business Factory Auto, unha iniciativa pioneira da que hoxe se anunciou a terceira convocatoria. Desde mañá martes e ata o 22 de agosto ábrese o prazo para a presentación de candidaturas para a nova edición, mentres está en marcha a segunda, con 10 proxectos en fase de aceleración ata xullo; e outros 10 da primeira convocatoria en fase de consolidación, que viron confirmados e conseguiron materializar os seus plans de negocio.

Ata o de agora, a Business Factory Auto xa ten logrado unha vintena de novas empresas innovadoras no sector, tres delas seleccionadas por PSA como mellores startups a nivel mundial, e 50 novos postos de traballo. A BFA é unha das aceleradoras nas que máis inviste a Xunta, para chegar a mobilizar preto de 20 millóns de euros ata 2020.

Na súa intervención, Francisco Conde incidiu en que a industria da automoción é neste momento un fiel reflexo de todos os avances tecnolóxicos que está a introducir a Industria 4.0. O sector, tal e como destacou Conde, alcanza os máis altos niveis de produción en España, e a Business Factory Auto é un modelo a seguir a nivel europeo polo modo en que promove a innovación aberta e disruptiva na industria.

Conde fixo referencia a que iniciativas como a BFA son unha canteira de proxectos innovadores que van ir materializando as tecnoloxías da Industria 4.0, e lembrou que se está a apoiar a creación dunha nova aceleradora para este ámbito, xunto coa Fundación Incyde e a Zona Franca, que vai axudar a consolidar toda unha infraestrutura de apoio ao emprendemento innovador na automoción galega.