A Xunta impulsa sete novas unidades mixtas de investigación e a consolidación doutras cinco para fomentar o talento e a ciencia na industria

2018-05-24
  • Esta quinta edición mobilizará un investimento público-privado de 27 millóns de euros e favorecerá a creación ou mantemento dun centenar de postos de traballo cualificados
  • A aposta polas unidades mixtas de investigación, desde a súa primeira edición, permite apoiar 33 proxectos novos e consolidar outros 9 en sectores estratéxicos

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2018.- O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o impulso de sete novas unidades mixtas de investigación e a consolidación doutras cinco para fomentar o talento e a ciencia na industria. Esta quinta edición, que se publicará no mes de xuño, mobilizará un investimento público-privado de 27 millóns de euros e favorecerá a creación ou mantemento dun centenar de postos de traballo cualificados.

En relación ás axudas para as unidades mixtas novas, o titular da Xunta explicou que esta liña, dotada con cinco millóns de euros, mobilizará 17 millóns de euros e dará emprego a 60 persoas. Cada unidade mixta estará composta por un único organismo de investigación e unha única empresa —excepcionalmente dúas, se son do mesmo grupo—. Entre os criterios de valoración, teranse en conta a calidade científico-técnica das propostas, a súa adecuación aos retos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), a avaliación dos integrantes, o impacto tecnolóxico e socioeconómico e, como novidade, introducirase un criterio de igualdade de xénero.

Por outra banda, Feijóo subliñou que a liña para consolidar cinco unidades mixtas xa existentes estará dotada con tres millóns de euros, mobilizará uns 10 millóns e permitirá crear ou manter 40 postos de traballo. Entre os criterios de valoración destacarán: a calidade científico-técnica da proposta, os resultados acadados, a internacionalización dos resultados, a detección de oportunidades de negocio ou a colaboración con pemes galegas.

O presidente da Xunta subliñou que, sumando esta quinta edición, a aposta polas unidades mixtas de investigación permite apoiar 33 proxectos novos e consolidar outros 9 en sectores estratéxicos como a automoción, a alimentación, o naval, a saúde ou a enerxía; mobilizar 121 millóns; e crear ou manter 550 postos de traballo cualificados.

Ademais, este programa compleméntase cos que están en marcha para dar resposta aos retos presentes e futuros de Galicia a partir da innovación. Entre os que xa están en marcha atópanse: o fomento dos contratos programa, para apoiar a forza laboral dos centros tecnolóxicos e as fundacións sanitarias; o programa Principia, co que se apoia a contratación duns 300 investigadores menores de 35 anos; e o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas.