21
Set

Conde avanza un acordo de colaboración co Clúster TIC para impulsar tecnoloxías innovadoras e potenciar a industria 4.0 nas pemes galegas

Xunta de Galicia

Engadir ao calendario
  • Salienta que a alianza permitirá desenvolver, xunto a empresas e asociacións, un catálogo de tecnoloxías a implantar en sectores concretos da economía galega para a mellora da súa competitividade
  • Destaca que este catálogo é o paso previo a unha futura liña de apoios que facilitará, no vindeiro exercicio, a aplicación destas tecnoloxías en pemes concretas
  • Resalta o papel de empresas como Telecon Galicia, que produce tecnoloxías innovadoras, aplicando solucións tecnolóxicas ao tecido produtivo, fixando tecido industrial na comunidade e incrementando o peso exportador

A Coruña, 21 de setembro de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións da empresa tecnolóxica Telecon Galicia, onde avanzou un novo acordo de colaboración co Clúster TIC encamiñado a impulsar tecnoloxías innovadoras en sectores económicos concretos da economía galega, potenciando a competitividade das pemes e fomentando a industria 4.0.

Conde, que estivo acompañado polo director do Igape, Javier Aguilera, salientou que a alianza, desenvolvida no marco da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 na que traballa o Goberno galego, permitirá desenvolver, xunto a empresas e asociacións, un catálogo coas tecnoloxías a implantar para a mellora da competitividade empresarial. Este rexistro, explicou, se configura como o primeiro paso dunha medida que, o vindeiro exercicio, se complementará cunha liña de apoios encamiñada a facilitar a aplicación destas tecnoloxías en pemes concretas de cada sector.

“A través deste acordo aspiramos a crear solucións innovadoras e tecnolóxicas que permitan xerar un valor engadido e que permitan que o noso tecido industrial gañe competitividade e están en disposición de acadar novos mercados internacionais”, subliñou Conde. Uns obxectivos que, segundo resaltou, xa está a acadar Telecon Galicia, “exemplo de éxito onde o talento marca a diferenciación”.

Neste sentido, o conselleiro destacou que a empresa está a producir en Galicia tecnoloxías innovadoras, aplicando solucións tecnolóxicas ao tecido produtivo, fixando tecido industrial na comunidade e incrementando o peso exportador ao destinar aos mercados exteriores máis do 60% da súa produción. Deste xeito, incidiu, Telecon Galicia configúrase como referente dun sector TIC que suma máis de 2.500 empresas e representa o 2% do PIB

Neste compromiso innovador na procura de acadar novas solución tecnolóxicas están a contar cos instrumentos que a Xunta pon a súa disposición. Así, a empresa participa no proxecto Innteconecta Acacias, que busca monitorizar o tratamento de oxidación avanzada de contaminantes para a mellora da auga; e, no marco do Conecta Pemes, na iniciativa Energía 2.0, que persegue a creación dunha plataforma para a xestión de pequenas redes de distribución de enerxía. Dous proxectos innovadores que están a mobilizar preto de 2,5 millóns de euros co obxectivo de impulsar novas tecnoloxías innovadoras desde Galicia.