Acerca da Propiedade Industrial

A propiedade industrial é un conxunto de dereitos exclusivos que protexen tanto a actividade innovadora manifestada en novos produtos, novos procedementos ou novos deseños, como a actividade mercantil, mediante a identificación en exclusiva de produtos e servizos ofrecidos no mercado.

Modalidades de propiedade industrial:

O conxunto de modalidades de propiedade industrial pode desagregarse en tres grupos:

Nacemento do dereito

A titularidade dun determinado dereito de propiedade industrial corresponderalle ao primeiro solicitante, sempre que cumpra os requisitos establecidos na normativa correspondente.

Os dereitos de propiedade industrial producen os seus efectos a partir da concesión do correspondente título de protección.

Quen concede estes dereitos?

A Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, é o órgano competente para outorgar a protección xurídica en España das distintas modalidades de propiedade industrial.

O outorgamento da protección xurídica da propiedade industrial no estranxeiro correspóndelles ás oficinas nacionais de patentes e marcas de cada Estado e a súa tramitación pode realizarse, ben directamente ante estas oficinas, ou ben a través de organismos internacionais como a Oficina Europea de Patentes (OEP), a Oficina de Propiedade Intelectual da Unión Europea (EUIPO) ou a Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI).

Diferenzas coa propiedade intelectual

A propiedade intelectual, tamén coñecida como dereitos de autor, é a parte do dereito que protexe as obras literarias, artísticas ou científicas.

Estes dereitos nacen desde o momento da creación, sendo potestativo o seu rexistro, que pode efectuarse incluso despois de divulgada a creación. Non obstante, é conveniente, para efectos de proba, realizar o depósito da obra no Rexistro da Propiedade Intelectual.

O texto refundido da Lei de propiedade intelectual establece que os dereitos de autor son independentes, compatibles e acumulables cos dereitos de propiedade industrial que poidan existir sobre a obra.