A Axencia Galega de Innovación, a través da Materioteca de Galicia, promove desde 2020 o Certame de Materiais Innovadores de Galicia. Mediante esta iniciativa, búscase identificar e promocionar os materiais máis innovadores desenvolvidos recentemente por empresas e centros de coñecemento galegos, para poñer en valor o esforzo de I+D que realizan neste campo.
Categorías
- Materiais obtidos de procesos artesanais ou con limitada capacidade de produción.
- Materiais desenvolvidos por empresas ou por agrupacións de empresas para a súa comercialización.
- Materiais desenvolvidos por grupos de investigación de centros de coñecemento públicos e privados (universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos), ben como resultado de proxectos individuais ou en consorcio con outros grupos ou entidades.
- Materiais desenvolvidos por grupos mixtos formados por empresas e centros de coñecemento, en calidade de participantes nalgún proxecto financiado con fondos públicos autonómicos, estatais ou europeos.
I edición
O I Certame de Materiais Innovadores de Galicia lanzou a súa convocatoria a finais de 2020 e celebrou o seu acto de peche en 2021, co recoñecemento aos materiais seleccionados nas súas catro categorías.
- Artesanal: D-Leite, tecido de la meiriña e fibra de proteína láctea ecolóxica, creado por Inés RIR & Co Diseño Textil Artesano.
- Investigación: recubrimento condutor térmico e eléctrico, material de confort para interior de vehículos de transporte, mobiliario, téxtil, etc. creado polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).
- Empresa: aceite vexetal Peroxibiokey, con propiedades antisépticas, cicatrizantes, rexenerativas e antioxidantes, formulado por KeyBiological.
- Empresa&Investigación: mestura bituminosa en frío aditivada con nanocelulosa, biopavimento alternativo ao asfalto convencional, creado polo consorcio Misturas, Obras e Proxectos & Centro Tecnolóxico CETIM & Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais da Universidade da Coruña (UDC).
A Materioteca de Galicia editou unha publicación na que se recollen entrevistas cos promotores dos materiais seleccionados e finalistas e as fichas dos 80 materiais presentados ao certame.