A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca a primeira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño para recoñecer o labor das persoas e empresas que están a contribuír significativamente ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño.
Con estes galardóns búscase destacar as mellores prácticas para que sirvan de exemplo a todo o tecido empresarial galego, poñendo de relevo como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.
Sección innovación
A sección específica destes galardóns que recoñecerá as persoas e empresas coas traxectorias e prácticas de innovación máis destacadas conta con tres categorías:
Sección deseño
A sección específica destes galardóns que recoñecerá as persoas e empresas que mellor representen a contribución do deseño galego á innovación conta con tres categorías:
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 9 de decembro de 2020.
Poderán ser candidatas as persoas físicas e as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído e que manteña a súa actividade.
As candidaturas da categoría «Traxectoria innovadora» da sección de innovación do certame, así como as das categorías «Profesionais» e «Deseñadores/as mozos/as» da sección de deseño, deberán contar, como mínimo, con dous avais de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da innovación e do deseño, respectivamente.
Un mesmo candidato poderá propoñerse para unha ou varias categorías dos premios, para o que é imprescindible enviar unha proposta de solicitude diferente e completa, con toda a documentación requirida, para cada categoría presentada.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A avaliación das candidaturas levarase a cabo por dous xurados, un para os galardóns correspondentes á sección de innovación e outro para os da sección de deseño.
Cada un deles estará integrado por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de cinco vogais. Estes últimos serán profesionais de recoñecido prestixio nos eidos da innovación e do deseño.
As bases reguladoras completas e os detalles do procedemento e da documentación a presentar poden consultarse no anuncio publicado no DOG do 8 de outubro de 2020.
Tamén pode consultarse un resumo das mesmas nesta ligazón (pdf).