Voando alto, sumando vocacións

Voando alto, sumando vocacións. Programa de actividades de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas

A Civil UAVs Initiative, iniciativa pioneira en Europa promovida pola Xunta de Galicia co obxectivo de desenvolver a industria de vehículos non tripulados (UAVs) ao redor do Polo Aeroespacial de Galicia para a mellora dos servizos públicos, propiciou un ecosistema de innovación capaz de xerar novas ideas e atraer e reter o talento.

Neste contexto e coa colaboración das empresas Boeing, Indra e Babcock desenvólvese Voando alto, sumando vocacións, un completo programa de actividades para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas que ten como obxectivo espertar o interese polas carreiras STEM entre os máis mozos.

O programa de actividades desenvolverase no curso 2019-2020 e está dirixido a estudantes de educación Primaria, Secundaria, Bacharelato, Ciclos Formativos e Educación Especial, así como á comunidade universitaria. Tamén contempla accións abertas a todo tipo de público.

O desenvolvemento do programa Voando alto, sumando vocacións conta coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR).

Todas as actividades son gratuítas.

Calendario de actividades

A continuación detállase o calendario de actividades de Voando alto, sumando vocacións.

AULABIL NEWTON (LUGO)
En colaboración con Boeing, First Scandinavia e o Concello de Lugo.

  • Módulo Newton “Voamos cos números” para grupos de escolares.
    • Datas: do 21 de outubro ao 10 de novembro de 2019.
    • Localización: Praza da Horta do Seminario (avenida Ramón Ferreiro, 27002, Lugo).
    • Descrición: Boeing e First Scandinavia estrearon en Lugo a aula móbil Newton, un novo e exclusivo concepto co que apostan polo apoio á ensinanza para os máis novos en materias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Durante 3 semanas (do 21 de outubro ao 10 de novembro), máis de 300 estudantes da ESO tiveron a oportunidade de realizar o módulo Newton. Os alumnos planificaron os seus propios voos, preparáronse para iso realizando cálculos matemáticos con unidades, distancia, velocidade e tempo, e chegaron a dominar a navegación nos simuladores de voo.
    • Duración: 3 horas/sesión.
    • Horario: 09:00 e 12:30 horas de luns a venres.
    • Público: estudantes de 3º e 4º de ESO
    • Capacidade: 16 estudantes/sesión.
    • Máis información: https://newtonroom.com/es/other-activity/mid1145
  • Visitas á Aula Móbil Newton para todos os públicos
    • Datas: 26, 27, 31 de outubro, 1, 2, 3, 9 e 10 de novembro de 2019.
    • Localización: Praza da Horta do Seminario (avenida Ramón Ferreiro, 27002, Lugo).
    • Descrición: a Aula móbil Newton estivo aberta ao público. Os visitantes tiveron a oportunidade de realizar un percorrido por este espazo único de aprendizaxe e probar as súas habilidades cos simuladores de voo.
    • Duración sesión: 20 minutos.
    • Horario: 11:00 a 14:00 horas e 16:00 a 19:00 horas en sábados, domingos e festivos.
    • Público: todos os públicos.
    • Capacidade: 9 persoas/sesión.
    • Inscricións: non se require inscrición.
    • Máis información: https://newtonroom.com/es/other-activity-leisure/mid1149

OBRADOIRODRONE DAY”
En colaboración con Boeing.

  • Datas: 12, 13, 14, 19, 20, 21, 26, 27, 28 e 29 de novembro de 2019.
  • Localización: aeródromo de Rozas.
  • Descrición: o obxectivo do obradoiro era introducir aos estudantes no uso e funcionalidades das tecnoloxías que se aplican cos drons como ferramenta de traballo e presentar unha idea global das súas aplicacións e uso seguro.
  • Duración: 5 horas.
  • Horario: 9:15 a 14:15 horas.
  • Público: estudantes de 2º e 3º de ESO.
  • Capacidade: 25 estudantes/obradoiro.
  • Máis información: DroneDay

OBRADOIRO “ENXEÑANDO FUTURO”
En colaboración con Indra.

  • Datas: 13 febreiro | 12 marzo | 16 abril | 14 maio | 4 xuño 2020. Aprazada polas medidas fronte ao COVID-19.
  • Ubicación: aeródromo de Rozas.
  • Descrición: o obxectivo desta actividade é amosar como as novas tecnoloxías poden axudar a mellorar o día a día das persoas. Introducirase aos estudantes no mundo da aviación e dos drons e realizaranse demostracións nun simulador de voo. Os alumnos asistentes a este taller tamén participarán nunha visita ás instalacións do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), referente a nivel europeo para la realización de ensaios con vehículos non tripulados.
  • Duración: 4 horas e 30 minutos.
  • Horario: 9:30 a 14:00 horas.
  • Público: estudantes de 1º a 4º de ESO.
  • Capacidade: 30 estudantes/obradoiro.
  • Más información: Enxeñando_futuro | 981 337 110.

OBRADOIRO “Fly the future”
En colaboración con Babcock.

  • Datas: 14 febreiro | 6 marzo | 3 abril | 8 maio | 5 xuño 2020. Aprazada polas medidas fronte ao COVID-19.
  • Ubicación: aeródromo de Rozas.
  • Descrición: neste obradoiro amosarase o lado práctico das carreiras STEM, mediante a explicación, interacción e visión dos desenvolvementos tecnolóxicos abordados pola empresa Babcock na Civil UAVs Initiative. Os estudantes visitarán as instalacións do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), referente a nivel europeo para a realización de ensaios con vehículos non tripulados. Tamén terán a oportunidade de ver ensaios de voo con UAVs como o LUA, un dos sistemas non tripulados basados en aeronave tipo helicóptero desenvolvido por Babcock, e demostracións con gafas 3D de simulacións dos desenvolvementos para incendios forestais realizados pola compañía.
  • Duración: 2 horas.
  • Horario: 10:00 – 12:00.
  • Público: estudantes de 1º a 4º de ESO.
  • Capacidade: 30 estudantes/obradoiro.
  • Más información: Fly the Future | 981 337 110.

CONCURSO REXIONAL “CANSAT”

  • Data: 21 de marzo de 2020. Aprazada polas medidas fronte ao COVID-19
  • Ubicación: aeródromo de Rozas (Castro de Rei, Lugo).
  • Descrición: A Axencia Espacial Europea (ESA) organiza o concurso CANSAT dirixido a estudantes de Educación Secundaria. Organizados en equipos e con docentes mentores, os e as estudantes realizan un proxecto CANSAT: unha simulación dun satélite real integrado dentro do volume e a forma dunha lata de refrescos.
    • A Consellería de Cultura e Turismo impulsa a fase autonómica deste concurso, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), como apoio ao desenvolvemento da cultura científica e STEM como un valor de innovación e futuro en Galicia.
    • Un total de 15 equipos de 11 centros educativos de Galicia están traballando no deseño, desenvolvemento e posta a punto dos seus satélites. O próximo 21 de marzo realizarase a fase de lanzamento e procederase á elección do equipo que participará na fase nacional do concurso.
    • Durante esta xornada, que se celebrará no Centro Mixto INTA-Xunta de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), núcleo do Polo Aeroespacial de Galicia, os equipos participantes exporán os seus proxectos, lanzarán desde drons os seus satélites e presentarán os seus resultados ante un xurado formado por especialistas en materias como as ciencias do espazo, a aeronáutica, as telecomunicacións, etc. Ao final da xornada procederase á entrega de premios e diplomas en recoñecemento dos traballos.
  • Horario: 10:30 – 18:00.

Sesións divulgativas

No marco do programa de actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas Voando alto, sumando vocacións desenvolveranse unha serie de xornadas divulgativas dirixidas a estudantes da ESO, Bacharelato, FP e comunidade universitaria, sobre temáticas como as necesidades, metodoloxías e prácticas das empresas con actividade no ámbito dos sistemas non tripulados; os vehículos non tripulados ou a propia Civil UAVs Initiative.

Actividades realizadas

  • Open Day en Rozas. 9 marzo 2020.
  • Ponencia “Necesidades, metodoloxías e prácticas das empresas con actividade no ámbito dos sistemas non tripulados” para os estudantes do CIFP As Mercedes. En colaboración con INDRA. 5 marzo 2020.

Universidade

En colaboración con Boeing, Indra e Babcock.

No marco do programa Voando alto, sumando vocacións, as tres empresas colaboradoras Babcock, Boeing e Indra realizarán diferentes actividades de divulgación e formación orientadas ao público universitario e, en especial, aos alumnos do Grao de Enxeñería Aeroespacial da Escola de Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo e do Máster en Operacións e Enxeñería de Sistemas Aéreos non Tripulados da Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.
Algunhas das actividades previstas son as seguintes:

En colaboración con Boeing

  • Posta en marcha dun “Laboratorio Boeing” na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.
  • Prácticas no Centro Europeo de Investigación e Tecnoloxía de Boeing (previsión contar cos bolseiros ao inicio de 2020).
  • “Premio Boeing” para recoñecer logros académicos (Xullo 2020).

En colaboración con Babcock

  • Dirección de 2 proxectos fin de carreira.
  • Oferta de prácticas en empresa para alumnos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.
  • Xornada divulgativa Civil UAVs Initiative no Campus de Ourense e presentación proxectos fin de Grao.

En colaboración con INDRA

  • Relatorio sobre Vehículos Non Tripulados na Universidade de Vigo, dirixido a alumnos e profesores do Grao e Máster en Enxeñaría Aeroespacial.
  • Visita a Rozas de alumnos universitarios.