Inicitivas de recoñecemento ao deseño

O Programa de Deseño para a Innovación 2020 contempla o recoñecemento ás mellores iniciativas do deseño galego como unha vía estratéxica para reforzar e promocionar o esforzo dos seus profesionais e a proxección do seu traballo.

Este eixe de actuación prioriza a colaboración coas entidades de referencia no sector e tamén está aberto á posta en marcha de iniciativas propias.

Premios Paraugas

A colaboración da Axencia Galega de Innovación cos Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia, os Premios Paraugas, comezou en 2018.

Desde a terceira edición deste certamen, a Axencia Galega de Innovación, a través do Programa de Deseño para a Innovación 2020, patrocina a categoría de deseño destes galardóns, organizados polo Clúster de Comunicación de Galicia.

Porto Design Biennale

O deseño galego terá o seu espazo propio na Porto Design Biennale, que en 2019 celebra a súa primeira edición co obxectivo de converterse na gran cita do deseño europeo.

A misión deste evento, impulsado polas Cámaras Municipais de Porto e de Matosinhos e organizado pola esad–idea —o centro de investigación da Escola Superior de Artes e Design (ESAD) –, é a promoción, dinamización e internacionalización do pensamento e da práctica en deseño.

Desenvolverase entre setembro e decembro de 2019, cun completo e variado programa de exposicións, conferencias, workshops e debates.

A Porto Design Biennale contará cunha exposición de deseño galego, que contribuirá non só á proxección internacional dos seus profesionais senón tamén á apertura de novas oportunidades de colaboración entre Galicia e Portugal para impulsar o deseño como ferramenta de innovación e competitividade.