Deseño e Empresa

A iniciativa Deseño & Empresa céntrase en impulsar o investimento en deseño por parte das empresas galegas e en capacitalas para a súa aplicación á innovación en novos produtos e servizos, procesos e estratexias de negocio.

Mediante esta iniciativa, o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA estimula e acompaña o establecemento de relacións produtivas entre empresas e profesionais do deseño.

As primeiras accións, ás que se lle dará continuidade, consistiron nunha serie de proxectos piloto sectoriais. O seu obxectivo é identificar necesidades e oportunidades capaces de xerar colaboracións entre os axentes do ecosistema de deseño e innovación para comercializar con éxito produtos e servizos que atendan as novas esixencias do mercado a través da aplicación do pensamento e a práctica do deseño.

Fases dos proxectos piloto

  • FASE 0: Selección de empresas e identificación de retos comúns. A captación de empresas participantes realízase a través de xornadas de difusión en colaboración cos clústers, con base en retos compartidos.
  • FASE I: Consultoría sectorial para a definición de novos produtos e servizos. Nesta fase, identifícanse as necesidades e oportunidades que poidan servir como focos de colaboración entre empresas e deseñadores. Utilízanse metodoloxías de xestión estratéxica do deseño de referencia internacional como Outcome-Driven Innovation – Jobs To Be Done e Design Thinking. Estas permiten a realización dun estudo previo e a exploración de novos usos e ámbitos de aplicacións para produtos relacionados cos sectores de actividade das empresas participantes.

Para a realización dos primeiros proxectos piloto a Axencia Galega de Innovación countou coa colaboración do Clúster Alimentario de Galicia, o Clúster da Pizarra de Galicia e o Clúster do Granito.

No marco destes proxectos, aplicouse a metodoloxía descrita a produtos derivados do granito e a lousa —ámbitos da construción e do equipamento do espazo urbano, contract, doméstico, etc.–, así como da industria alimentaria — novas solucións de embalaxe, conservación, transporte, etc–.