Publicacións

O Programa de Deseño para a Innovación 2020 contempla como unha das súas prioridades darlles visibilidade aos referentes do pasado e do presente para poñer en valor o papel do deseño galego como motor de competitividade.

Neste contexto, púxose en marcha unha liña editorial con publicacións á libre disposición dos profesionais do deseño, as empresas, os estudantes e todas aquelas persoas interesadas en explorar casos de éxito que ilustran os fitos máis relevantes da historia do deseño galego e tamén os que están a marcar o panorama actual.

  • Galicia. O deseño como motor
  • O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia
  • Futuros posibles. Deseño para a innovación na era pos-COVID

Galicia. O deseño como motor

A perspectiva histórica ofrecida na publicación “Galicia. O deseño como motor” permite facerlles xustiza ás empresas galegas que, nalgúns casos xa desde o século XVIII, tiveron a visión de usar o deseño para crecer en capacidade innovadora e competitividade, así como aos profesionais que o fixeron posible.

Tomando como punto de partida a visión de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane como referentes imprescindibles desde a orixe do deseño galego, o relato vai afondando nas súas diferentes vertentes ao longo da historia. Carmela Montero completa esta perspectiva cun percorrido polo legado do Laboratorio de Formas de Galicia. Da man de María Luisa Sobrino explórase o cartelismo comercial, mentres que Pepe Barro aborda a imaxe das marcas e os pioneiros industriais. Por último, Marcos Dopico, Cibrán Rico e Suso Vázquez aproxímanse aos aspectos relativos á identidade e á normalización do deseño.

Grazas a unha coidada selección de imaxes, esta publicación ilustra todo o anterior cos iconos do deseño galego asociados a empresas e marcas como Sargadelos, Massó, Mondariz, Miau, Finsa, Zeltia, Inditex, Estrella Galicia, Televés e moitas outras.

Visualiza e descarga aquí Galicia. O deseño como motor (pdf).
Galicia. O deseño como motor

O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia

A publicación “O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia” explora os proxectos e iniciativas de compañías galegas líderes que xa contan cunha dilatada traxectoria en termos de aposta estratéxica polo deseño como ferramenta de competitividade.

Estrella Galicia, Finsa, Selmark, Pazo de Vilane, Bico de Xeado, D-due, Cabreiroá, Paco y Lola, Castrosúa, Martínez Otero e Orballo son só unha pequena mostra dos referentes presentes neste libro. A través da análise das súas experiencias de éxito, esta publicación non só persegue a posta en valor destas, senón tamén o efecto inspirador que poden exercer sobre outras empresas galegas.

Todos eles comparten un sólido posicionamento no mercado galego e unha capacidade moi relevante para competir no ámbito internacional grazas á aplicación do deseño nas súas distintas variantes á oferta de produtos e servizos innovadores, diferentes, con personalidade propia e un valor engadido imposible de conseguir só a través da tecnoloxía.

Visualiza e descarga aquí O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia (pdf).
O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia

Futuros posibles. Deseño para a innovación na era pos-COVID

Catorce profesionais galegos de referencia a nivel nacional e internacional no campo do deseño estratéxico ofrecen a súa visión sobre o novo escenario aberto pola crise do coronavirus na publicación “Futuros Posibles: Deseño para a Innovación na era pos-COVID”.

O coñecemento e a experiencia destes deseñadores e deseñadoras abre un marco de reflexión sobre o rol transformador do deseño nesta nova era, na que cobra protagonismo o seu carácter multidisciplinar e a súa importancia para a competitividade e a innovación das empresas galegas.

Alberto Barreiro, Manuel Vázquez, Nuria Carballo, Noemí Cortizas, Rubén Ramos Balsa, Pablo García-Bodaño, Dani Bembibre, David Silvosa, Roberto Núñez, Iván Mato, Coca Rivas, Anxo López e Marta Verde constrúen esta visión colectiva moderada por David Barro na que se explora o futuro do deseño estratéxico, o deseño de servizos, o deseño de experiencias, o deseño gráfico e a comunicación, o deseño de espazos e o deseño industrial.

Visualiza e descarga aquí Futuros posibles. Deseño para a innovación na era pos-COVID (plataforma de visualización online e descarga en pdf).
Futuros posibles. Deseño para a innovación na era pos-COVID