Servizos

A Materioteca de Galicia presta servizos a dous colectivos prioritarios:

  • Os profesionais implicados na procura de solucións innovadoras para empresas —fundamentalmente deseñadores de todos os ámbitos, enxeñeiros e arquitectos – e tamén os estudantes, en calidade de futuros profesionais deste ámbito.
  • Os investigadores, técnologos e xestores de transferencia vinculados a entidades de I+D e a empresas innovadoras do campo dos materiais.

A oferta de servizos que fai posibles estes beneficios está deseñada desde un enfoque dinámico, é dicir, que se irá optimizando en función da demanda:

1. Espazo expositivo con acceso a base de datos

O núcleo da Materioteca de Galicia é a exposición de materiais innovadores e sustentables, deseñada como un espazo flexible de inspiración e traballo.
Consta, en primeiro lugar, dunha colección física de mostras, composta por:

  • Materiais creados en Galicia. Son os protagonistas da Materioteca. Incorporámolos a través dun labor continuado de vixilancia tecnolóxica sobre patentes rexistradas e de contacto directo coas entidades de I+D e as empresas galegas con actividade en innovación en materiais.
  • Materiais de referencia a nivel internacional. Complementan as referencias de orixe galega a través dunha selección de 250 mostras de materiais innovadores a nivel internacional, escollidos en función do seu potencial interese para os sectores industriais galegos.

Cada material está debidamente clasificado e documentado. Exponse nunha tabliña na que se inclúe unha mostra e a descrición das súas características, propiedades e aplicacións.

A exposición de mostras físicas complétase cun punto de acceso á base de datos con información ampliada sobre todos os materiais galegos expostos.

Ademais, os visitantes teñen acceso desde os puntos de consulta da Materioteca de Galicia á base de datos dixital máis completa a nivel internacional https://www.materialconnexion.com, con máis de 7.000 referencias e que se actualiza con 40 novos materiais cada mes, seleccionados por un xurado internacional de expertos.

2. Vixilancia tecnolóxica e difusión de materiais galegos

A incorporación de materiais creados en Galicia é unha das maiores prioridades da Materioteca de Galicia, así como a súa máxima difusión a nivel internacional.

Para logralo, realízase un labor continuado de vixilancia tecnolóxica sobre patentes rexistradas e mantense un contacto directo coas entidades de I+D e as empresas galegas con actividade en innovación en materiais.

Ademais de incorporar os materiais de orixe galega á nosa exposición física e á nosa base de datos, promovemos a súa máxima visibilidade:

  • Tras catalogalos adecuadamente, propoñemos aqueles materiais que cumpren cos criterios de innovación, sustentabilidade e dispoñibilidade para a súa incorporación a bases de datos a nivel internacional, como Material Connexion, unha das maiores redes mundiais especializadas na difusión de materiais innovadores.
  • Facilitamos a búsqueda de socios noutros países para o desenvolvemento conxunto de novos materiais ou de novas aplicacións de materiais galegos xa creados. Co apoio do consorcio Galactea Plus, axudamos a identificar oportunidades de colaboración no marco da Enterprise Europe Network, a maior rede do mundo de información e asesoramento a pemes, con máis de 600 entidades de máis de 60 países.

Acceso a catálogo de materiais creados por entidades de I+D e empresas galegas (proximamente).

3. Dinamización con grupos de interese e punto de contacto

A Materioteca de Galicia quere exercer un papel proactivo para atraer e interconectar a todos os axentes do ecosistema de materiais de Galicia.

A este obxectivo responde a organización de visitas á materioteca para que todos os grupos de interese teñan ocasión de coñecer as súas instalacións e os servizos que ofrece:

  • As entidades de I+D (grupos de investigación, centros tecnolóxicos, empresas) que están a innovar en materiais.
  • As empresas, a través dos clústers, como potenciais usuarias de novos materiais.
  • As asociacións de profesionais do deseño.

Isto compleméntase coa función da materioteca como punto de contacto, coa misión de conectar oferta de materiais con demanda de aplicacións nas empresas, primando o papel dos profesionais do deseño como vehículo.

Para logralo, a materioteca está aberta á recepción de consultas realizadas por empresas e deseñadores en relación con retos industriais para os que os novos materiais poden representar unha solución. Isto permite:

  • Detectar novas necesidades nas empresas para promover procesos de transferencia. A materioteca funciona como intermediaria trasladando as consultas aos organismos de investigación e tamén ás empresas que innovan en materiais.
  • Establecer unha rede de colaboradores estable cos centros e empresas que innovan en materiais para buscar sinerxías e sistematizar o intercambio de coñecemento.

4. Networking e divulgación

A Materioteca de Galicia ten como misión facer accesible o coñecemento sobre novos materiais mediante accións de divulgación e experimentación que á súa vez sirvan como punto de encontro e colaboración para os axentes do ecosistema galego de materiais.

O formato son xornadas de traballo nas instalacións da materioteca organizadas en dúas partes:

  • Unha sesión divulgativa na que os centros de coñecemento e empresas innovadoras no ámbito dos materiais presentan os seus últimos avances.
  • Un taller no que investigadores, deseñadores e empresas traballan en grupos multidisciplinares baixo a metodoloxía do design thinking co obxectivo de explorar novos usos, aplicacións e oportunidades de mellora sobre materiais.

Estas citas son fundamentais para obter todo o potencial dos novos materiais concibidos en Galicia. O intercambio de coñecemento e a experimentación favorecen a hibridación, identificando as posibles aplicacións e posibilidades de uso dun material máis aló do inicialmente concibido polo seu fabricante e descubrindo novas oportunidades de negocio e mercados.