Premio Empregados/as Públicos/as Innovadores/as 2019


Finalidade do premio


Galicia é referente a nivel estatal no ámbito da Compra Pública Innovadora (CPI). Co obxectivo de consolidar esta posición, así como xerar unha contorna facilitadora no deseño das políticas públicas e na práctica administrativa, a Xunta de Galicia puxo en marcha o Programa Integral de Impulso da Compra Pública Innovadora (Innpulsa CPI).

As persoas son quen constrúe a innovación nas organizacións, daí a necesidade de desenvolver iniciativas que motiven, sensibilicen e incentiven ao persoal ao servizo da Administración pública que participan nos procesos de innovación.

Con este fin xorde este premio, que ten como finalidade recoñecer o compromiso e a actitude innovadora dos persoal ao servizo da Xunta de Galicia, que fai posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía.


Persoas beneficiarias


Persoal ao servizo da administración da Xunta de Galicia e dos seus entes instrumentais, que poderá postularse de xeito individual ou en grupo (2-5 persoas).


Categorías


O Premio consta de dúas categorías:

  • Identificación de oportunidades: premiarase a identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración. As persoas interesadas en participar nesta categoría deberán detallar e definir unha problemática, así como argumentar a necesidade de resolución da mesma.

  • Proxectos innovadores: nesta categoría premiaranse proxectos innovadores xa realizados ou en curso. As persoas interesadas deberán detallar o proceso, expor os puntos considerados fundamentais e xustificar a innovación do proxecto. Nesta categoría búscase recoñecer dous aspectos por separado:
    • Temática máis innovadora: premiaranse aqueles proxectos coa temática máis vangardista e innovadora.
    • Mellor actitude innovadora: premiarase a aquelas persoas polo seu bo facer dentro do proxecto, como, por exemplo, na innovación de procesos.


Premios


Establécense os seguintes premios:

  • Na categoría de identificación de oportunidades: as persoas que gañen conseguirán un asesoramento personalizado, de aproximadamente 60 horas, no que se identificarán fontes de financiamento a nivel europeo e nacional e se elaborará o material necesario para a solicitude de financiamento.

  • Na categoría de proxectos innovadores: para ámbolos dous aspectos recoñecidos, temática máis innovadora e mellor actitude innovadora, poderán optar a unha visita a un laboratorio de innovación internacional, para coñecer outras iniciativas de innovación. O premio inclúe o desprazamento, o aloxamento e a dieta. Tamén se opta a participar nun curso personalizado en innovación.

Todas as persoas premiadas das diferentes categorías do premio gozarán de recoñecemento público a través do acto de entrega, entrevistas públicas e diploma acreditativo.


Presentación de candidaturas


A presentación de candidaturas farase a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia (procedemento IN822D) no prazo de dous meses dende o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia [DOG, Nº47 do 7 de marzo de 2019].

Documentación a presentar:

  • Formulario de solicitude (anexo I):
    • No caso dun equipo: deberanse incluír datos identificativos da persoa designada como representante e do resto dos integrantes do equipo. Ademais, deberase cubrir a ficha de postulación e, opcionalmente, achegar documentación adicional en soporte dixital e un vídeo optativo no que se expliquen os motivos da mesma.
    • No caso dunha persoa individual: incluirase os datos identificativos da persoa interesada, a ficha de postulación e, opcionalmente, documentación que aporte máis información sobre a oportunidade identificada ou o proxecto innovador en soporte dixital e un vídeo optativo no que se expliquen os motivos da mesma.
  • De xeito opcional, poderase achegar a seguinte documentación complementaria:
    • Memoria que aporte máis información sobre a súa candidatura.
    • Vídeos presentando a súa candidatura ou presentacións sobre esta.

A documentación complementaria deberá presentarse tamén por vía electrónica, agás se supera o tamaño máximo permitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia (50MB) ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia.


Orientación para a elaboración da memoria


Podes acceder á guía nesta ligazón.


Preguntas Frecuentes


Podes acceder ás preguntas frecuentes nesta ligazón.


Ligazóns



Gañadores/as


Categoría Identificación de Oportunidades:
Rede de Vehículos de Inspección Sensorizados da Xunta de Galicia
Antonio de Arcos Rey. Instituto de Estudos do Territorio.
Santiago González Otero. Augas de Galicia

Categoría Proxectos innovadores: temática máis innovadora
Utilización da impresión en 3D aplicada á creación de pezas que se utilizan directamente na realización das análises, para a comparación internacional de ensaios de xoguetes e artigos de puericultura con pezas fabricadas mediante esta tecnoloxía
Laboratorio de Consumo de Galicia:
Natalia Crespo, Pedro Mosquera, Jorge Sequeiros, Juana Pereiro e Miguel Montemuiño

Categoría Proxectos innovadores: mellor actitude innovadora
Proxecto Innovador de mellora da Interación coa Comunidade Investigadora
José Ramón Basante Barbazán
Arturo Clavero Iglesias
Jacobo Manuel González Fernández